Pasaron xa a Taíña en Goián, a Festa 13-14 en Salceda ou o Ao son do Masma en Celeiro de Mariñaos. Foron gorentosos aperitivos da temporada festivaleira que outro ano máis vai percorrer o país de punta a punta. Desde macrofestivais coma o Resurrection Fest até cousas ben máis pequenas coma o Arde Rande ou o Festival do Río Castro, a oferta é ampla e diversa en localización, estilos ou filosofía e abrangue todas as fins de semana dos vindeiros meses. Pégalle un repaso aos festivais deste verán!!


Nós apenas reunimos 50 datas no noso sempre en actualización Mapa Festivaleiro da Galiza, mais probablemente sexan máis de 100 os festivais de todo formato que se organizan ao longo do ano por todo o país. Desde os autoxestionados, moitos deles organizados arredor de FEGAFE, que atinxen formatos pequenos e medianos, até macrofestivais como o Resurrection Fest de Viveiro, referente europeo no metal, o certo é que a oferta é moi variada. Colle lapis e papel -ou o smartphone- e marca en vermello as túas datas. Tes onde escoller!

Comezando por un clásico, os festivais de música folk

Entre os festivais máis veteráns, os folquies son absoluta maioría. Un ano máis, datas históricas como o Asalto ao Castelo de Vimianzo (5 de xullo) ou Ortigueira (17-20 de xullo) van desvelando xa o cartaz e volverán reunir milleiros de persoas arredor da música de raíz, folk ou tradicional. En Vimianzo, estarán Susana Seivane, Kepa Junkera e Muyayo Rif.  O Festival do Mundo Celta de Ortigueira deu a coñecer xa as bandas que participarán no Runas 2014, o 17 de xullo, Tiruleque, Cuarteto Caramuxo e Xabi Aburruzaga. Malia non pechar de vez o cartaz, xa deron a coñecer algúns nomes: Milladoiro, The Chieftains, Bellón&Maceiras, Moxie,... Tamén presentaron a pasada semana os concursos Runas de Cuartetos tradicionais e Gaiteir@s solistas. Tedes de prazo até o 30 de xuño para vos apuntar! Tamén outros festivais, como Pardiñas (2-3 de agosto) ou Zás (probablemente, 2 de agosto) non fallarán á súa cita anual, malia non desvelaren aínda o seu cartaz.

Os Festivais de FEGAFE

Hai algo máis dun ano constituíase en Compostela a Federación Galega de Festivais de música,  federación que aglutina diversas asociacións sen ánimo de lucro que organizan festivais ao longo do país. Entre elas, xa pechou o seu cartaz o OuBeade (10-13 de xullo). En Beade (Vigo), estarán os portugueses Mata Ratos xunto a Transilvanians, Maskarpone, Bande de Andrelo, etc. Tamén avanzou xa moito o Sons da Lameira (5 de xullo) de Matamá (Vigo), que terá a Def Con Dos, The Skarnivals, Festicultores, etc. En Muros, no Castelo Rock 2014 (8-9 de agosto) estarán Los Suaves, Gatillazo ou Vendetta, mais tamén O Caimán do Río Tea, Terbutalina ou Machina. Mentres outras como a Festa Folc de Vilariño (16 de agosto) ou o Festival do Castro (23 de agosto) apenas confirmaron a data de celebración, pero non desvelaron aínda a súa proposta para 2014. Outros, coma o Rebumbio de Mos (30 de agosto), matina en mudar o formato e acollerse ao que inaugurou a Festa da Chuvia de Ribeira este ano, cun festi itinerante polas parroquias do concello, con pequenos concertos en cada unha delas e un autobús para mover @s asistentes que non optaron polo vehículo particular. Precisamente hoxe luns, tamén o Festival Revenidas confirma que a edición 2014 se ha celebrar finalmente nas datas habituais, 18 e 19 de xullo. Todo despois dun longo tirapuxa co concello de Vilagarcía.

O Resurrection Fest

O que é sen dúbida o festival meirande de Galiza, o Resurrection Fest de Viveiro, xa ten pechado ao 100% o cartaz deste ano, con nomes coma Megadeth, NoFX, Down, Amon Amarth, Sick Of It All, Ignite… Entre as últimas novidades do Resu, os portugueses More Than A Thousand estarán nesta edición. Xunto a eles os ingleses Gallows, os americanos Five Finger Death Punch, Gigatron e as bandas tributo Display Of Power e Guerrilla. Tamén entran os alemáns Rikers, substituíndo a Dead Before Dishonor, que causan baixa.

Un póker de clásicos

Reperkusión (11-13 de xullo) e Derrame Rock (20-21 de xuño) en Ourense, Brincadeira Festival (8-9 de agosto) en Compostela e SonRías Baixas (19-20 de setembro) en Bueu son 4 exemplos de festivais de mediano tamaño, que optan pola profesionalización e apostan polo pagamento dunha entrada para poderen ofrecer nas súas propostas bandas internacionais de certa entidade. O Derrame teima na súa aposta polo rock estatal máis clásico,este ano con apenas bandas de rock galego, agás Monolious DOP. Porén, o atractivo de formacións coma Habeas Corpus, El Drogas ou Celtas Cortos segue a ter certo tirón. Na mesma cidade, o Reperkusión volve traer a Manu Chao até Bemposta. O indubidable engado do parisino vai ser de volta o principal reclamo -mais non o único, Muchachito, Terbutalina, etc-
dun festival que ten que se asentar de vez despois de abandonar Allariz para ir até Ourense. Outro tanto se pode dicir do Brincadeira Festival, ao que non lle sentou nada ben abandonar hai 2 anos Ordes e viaxar até Cambre. Despois dalgunha polémica nas redes sociais e dun novo cambio de localización -este ano, no Monte do Gozo compostelán- o Brincadeira volve tirar de cartaz estrambótico -Gloria Gaynor, Georgie Dann, ao carón de Bad Manners ou Inspector Cluzo- para conseguir sobrevivir. O SonRías Baixas será en Bueu e en setembro, o 19 e 20, despois de que a rumoroloxía no Morrazo o cambiase de localización ou mesmo o suspendese. Con Ska-p, La Raíz e Aphonnic confirmados, o festival organizado por Troula na Banda ten pendente afianzarse nesa categoría na que pretende xogar desde que naceu. Por riba, a mudanza de datas molestou un chisco nas redes sociais, ao coincidir co Son das Mámoas de Candeán, se ben hai que dicir que é complicado trocar as datas sen "pisar calos" nas comarcas veciñas, por mor da alta densidade de festis en toda Galiza.

E moito máis...

Afortunadamente, aínda hai máis. O Festival do Río Castro en Narahío (5 de xullo), co Cé Orquestra Pantasma, Taghaitaí ou O Sonoro Maxín. O Festival da Chaira (12 de xullo), en Baltar (A Pastoriza), con Medomedá, Xenderal ou A Compañía do Ruído entre outros, festivais novos, festivais que desaparecen, mais moita vitalidade malia o mal momento xeral e a falla de apoio institucional.

Accede ao Mapa Festivaleiro de GZmúsica

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.