O festival Son do Barbansa suporá á volta á casa dos Heredeiros, dez anos despois de tocar por última vez no Barbanza. Terbutalina, Familia Caamagno e Tevra tamén están nun cartaz que completará a banda gañadora do concurso ‘Querostar no Barbansa’, que celebra a súa final este mércores e que se coñecerá hoxe xoves ás 2 da tarde. Con máis de 3000 entradas vendidas a case unha semana do concerto e autobuses fletados desde 14 localidades galegas, o festival aspira a ser un dos eventos máis multitudinarios na historia recente do Barbanza.

Unha xornada histórica en Ribeira conta as horas para escribir a súa páxina no capítulo dos eventos máis multitudinarios. Restan poucos días para o Son do Barbansa, un festival que xuntará este sábado en Aguiño a tres formacións capaces de unir xeracións. Heredeiros da Crus, Terbutalina e Familia Caamagno farán saltar ata altas horas da madrugada a varios milleiros de persoas, que non perderán oportunidade de vivir o primeiro concerto dos máis jrandes na súa casa dez anos despois. Logo do regreso aos escenarios en marzo de 2012, a formación ribeirense ten ofrecido até quince concertos por toda Galiza, sen pisar a súa terra até o día de hoxe: o festival do sábado non só é un evento capital en si mesmo, se non que para moitos é a cita máis agardada en moitos anos.

Por 10 euros están á venda as entradas en vintecinco puntos de venda en toda Galiza, pódense consultar en www.sondobarbansa.com. Airapro, produtora dos actores Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán é  a encargada de producir o evento xunto con Tex45 Producciones e Trazos Arte Estudio, aínda que o Son do Barbansa está organizado pola asociación cultural Dourixeira de Aguiño en colaboración co Concello de Ribeira e Portos de Galicia.

Desde diferentes puntos do país (até catorce) chegarán autobuses ao Son do Barbansa: os billetes vendíanse até este martes para organizar as rutas que levarán a unha das comunidades de fans máis fieis até un concerto moi especial.
Os concertos comezarán contra as 21.00 horas, para rematar de madrugada. Terán lugar na explanada do porto de Aguiño, onde se instalará unha infraestrutura sen precedentes que permitirá aos asistentes todas as comodidades propias dun festival, entre elas, cear ou tomar algo a prezos moi económicos (cañas de Estrella Galicia a 2 euros ou o pack de catro copas a 15 euros).

O Querostar no Barbansa escollerá á banda que completará o cartel

O cartaz do festival, cos Heredeiros, Terbutalina, Tevra e Familia Caamagno, quedará completado cunha banda aínda por coñecer. Desde hai un par de semanas desenvólvese na rede o concurso ‘Querostar no Barbansa’, no que ata oito formacións decidiron participar para subir ao escenario de Aguiño e compartir cartel con bandas punteiras do rock en galego. Logo dunha votación a través de Facebook, tres foron os finalistas (Samarúas, Sete Cuncas e Bocinazo). Este mércores á mañá, un equipo do certame desprazarase ata a lonxa de Aguiño para, un por un, consultar aos habituais da zona, iPod ou mp4 en man, cal é o seu favorito para o festival do sábado. Da curiosa iniciativa gravarase un vídeo que se publicará nas redes sociais o xoves ás 14.00 horas, cando se coñecerá o grupo gañador.

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.