Todos os venres do mes de xullo o convento de Herbón acollerá unha serie de concertos de música clásica e antiga. Ademais, haberá visita guiada a este edificio histórico e degustación de pementos con viño do país. O seu obxectivo: difundir o valor do pemento de Herbón e achegar a música clásica á xente. Chega a segunda edición do Festival As Notas do Pemento.
Logo do éxito que tivo o I Festival As notas do Pemento, este ano ten lugar a segunda edición deste evento que comezará o vindeiro 4 de xullo no Convento franciscano de Herbón. Ademais, este ano, o festival inscríbese nos actos do 800 aniversario da peregrinación de San Francisco a Santiago que organiza a comunidade franciscana en Galicia.Música clásica e antiga e pementos de Herbón é a receta deste II Festival de Musica de Herbón 'As notas do Pemento'. Unha cita que reunirá no fermoso convento de Herbón as mellores promesas da música clásica de Galicia nunha serie de catro concertos que combinarán recitais líricos,música barroca ou dúos de violín e guitarra.
'As notas do pemento' está organizado polas asociacións Sementar e conta coa colaboración da Provincia Franciscana de Santiago, a S.A.T. A Pementeira e a Asociación Galega de Amigos do Camiño (AGACS). O seu obxectivo é resaltar as potencialidades do pemento de Herbón a través da música. E para iso, nada mellor que o lugar onde naceu e se mimou durante tantos anos; o convento franciscano de Herbón, fundado en 1396. A horta, o claustro e a fonte serán algúns dos escenarios que acollerán estes concertos, que terán lugar os venres de cada mes a partir das 20.30 horas.
Precisamente, Roberto Freire, ex prior do convento de Herbón e director do festival, destacou este feito durante a presentación do evento, este luns no Hotel Monumento San Francisco, de Santiago. "Queremos homenaxear un produto tan sinalado da nosa terra como é o pemento de Herbón e facelo no lugar no que medrou por primeira vez, o Convento Franciscano", dixo
Grupos convidados
Entre os músicos e grupos convidados están José A. Campo (tenor) e Severino Ortiz (piano), que acturán o 4 de xullo, o Herbens Consort que o fará o 11, Roberto Alonso (violín) e Samuel Diz (guitarra) o 18 e, finalmente, o 25 de xullo, o Grupo de Música Antiga 1500. Na filosofía do festival está, ademais, achegar a música clásica á xente. "Mediante esta iniciativa pretendemos, por unha banda levar a música a novos espazos e abrila a novos públicos e, pola outra, darlles aos novos músicos a posibilidade de ter un evento diferente no que actuar", dixo Freire.
“Este festival contribuirá á difusión da produción de pemento de Herbón como base da nosa economía local, defendendo o traballo das nosas pementeiras. E, ademais de gozar da música, tamén se poderá coñecer a historia deste cultivo e a súa relación coa casa franciscana”, apuntou, tamén, durante a presentación do evento, Pilar García, coordinadora da asociación Sementar.
E é que ademais de música, o público que se acerque ata o convento poderá disfrutar dunha visita guiada por este edificio histórico que foi declarado este ano Ben de Interese Cultural (BIC). As visitas darán comezo ás 20.00 horas, media hora antes dos concertos, porque ao remate dos mesmos, os organizadores ofrecerán unhas tapiñas de pementos. Por iso, Milagros Piñeiro, socia de A Pementeira como entidade que colabora de novo no festival, insistiu en que este festival tamén ten a súa verquente económica; a de “introducir criterios de sustentabilidade na posta en valor dos recursos estratéxicos de Galicia”, neste caso o pemento, grazas a un arte como é a música.
Durante a presentación do II Festival de Música de Herbón tivo lugar unha actuación do grupo de Música Antiga 1500, un dos grupos participantes nesta edición con Víctor Blanco López, guitarra renacentista; Andrés Díaz Pazos, vihuela e Belén Bermejo López, voz. Os interesados reservar as entradas para este festival único poden facelo a través do correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. facilitando o seu nome e apelidos e un correo de contacto. Tamén poden atopalas no Hospital de Peregrinos Santo Antonio de Herbón, das 16.00 ata as 22.00 horas. Tamén poden mercar as entradas directamente o día do festival. O prezo é de tres euros por concerto ou de dez se se compra un bono para todas as actuacións. No prezo vai xa incluída a visita guiada e a ración de pementos con viño que produce o propio convento.
ENTRADAS
O prezo das entradas é o seguinte:
Abono para cinco concertos: 10€
Un concerto: 3€
PROGRAMACIÓN
25 de xullo, ás 20.30 horas Grupo de Música Antiga 1500
18 de xullo, ás 20.30 horas Roberto Alonso (violín) e Samuel Diz (guitarra)
11 de xullo, ás 20.30 horas Herbens Consort
4 de xullo, ás 20.30 horas José A. Campo (tenor) e Severino Ortiz (piano)
{fcomments}