O verán non dá acougo. Esta fin de semana catro grandes festivais van levar boa música até Vilaxoán, O Incio, Castro Caldelas e Pantón. Revenidas, Terra Brava, Ponte Louco e Festival do Castro propoñen festa, música e un feixe de actividades para que non teñas descanso en toda a fin de semana. Os Diplomáticos, Heredeiros, Sés, Dakidarría, O Caimán do Río Tea, Cuchufellos, Nao,...mostrarán todo o potencial da nosa música nunha finde de loucura. Se aínda non tes claro onde ir ou se xa o decidiches pero non queres perderte nada, bótalle un ollo a isto!

Comezamos en Pantón. O Festival do Castro propón unha xornada maratoniana para o sábado 23. Dende a mañá, pois ás 11:00h coa Feira de Artesanía durante todo o día, con todiño o preciso, barro, coiro, prata, macramé,… Para despediren a mañá, a partires das 13.00 horas estrean nesta edición o Vermú Gaiteiro, foliada con gaita ou calquera instrumento aberto á participación libre e convite á 1ª volta ós músicos!

Despois do vermú haberá que coller forzas, así que Xantar Popular ás 14.00 horas.  Prezos de 12 euros e 8 euros para menores de 12 anos na modalidade de anticipada. Se decides apuntarte no día, o prezo será de 14 euros e 12 euros os menores 12 anos no propio posto da organización. As entradas do xantar están á venda xa en (Pantón) Bar Carabelos, Cantina de Goián, Mesón Os Castros, (Monforte de Lemos) Cafetería Los Goya e (Escairón) Bar A Lareira, tamén pode reservarse no 676 545 776 telefonando. O menú, ben xeitoso, a fartar de empanada, pementos de Herbón, carne ao caldeiro, lamboadas e refresco, viños D.O. Ribeira Sacra, e café de pote con gotas!

Despois, Café-concerto ás 16:30h, exercicio de reanimación dixestiva ao cargo do Cé Orquestra Pantasma. Actividades de tarde, especiais para o público miúdo, dende as 18:00h nas costas do Castro. Con Peter Punk, estilo clown e gañador do Mundoclown 2008 e do Festiclown Rivas-Vaciamadrid e, deseguido, Manicus co espectáculo Manualidades, malabares, teatro físico, paiaso, danza e pantomima.  Anoitecer no Castro, ás 22:00h, nas costas do Castro, nun escenario de luxo e tras o éxito da edición anterior, desta volta con Habelas Hainas.

E si, tamén haberá concertos pola noite ;) Concertos do Festival do Castro, dende as 23:30h, o forte do festival, unha das edicións de verdadeiro luxo. Un cartel mundial, atómico; Korrontzi, banda vasca que estoupará o folclore vasco arredor da trikitika (acordeón diatónico), aclamados aló onde van! Os Caralludos, grupo da comarca de Lemos, poñerán a música nos cambios e na carpa do Festival, novos talentos de pura D.O. Ribeira Sacra! Os Diplomático de Monte Alto, o rock bravú dende 1989 e grupo de referencia deste movemento, será a única vez que os verás na zona, podes perdelo??? Eskorzo, banda granadina de rock, reggae, funk, música balcánica, drum&bass, afrobeat, jazz en xira no Amenaza Fantasma tour 2014, Zënzar, rock clásico con influencias punk, heavy e tradiciónais, dende Meirama na súa xira de 25 aniversario! Xenderal porá a despedida do concerto, co seu ragga, rap e beatbox. E como sempre aínda non rematará a festa, @s valentes chegarán á mañá cedo con Sapoconcho sen Concho!!!, este será o  DJ de cabeceira nesta edición.Ocasión inmellorable para ver tanto mundo, tanta calidade e tanta axitación cultural en tan pouco tempo, e nun entorno tan agradable. Lembrade que todos os eventos terán lugar no recinto de O Castro (campo da Feira), haberá servizo de bar, bocatería e wc, contan con zona de acampada libre e podes empregar servizo de bus para enlazar Monforte de Lemos co Castro en Pantón e á inversa, toda esta info e máis sobre medios de acceso en festivaldocastro.com


E mentres en Pantón aquelan todo, Vilaxoán conta as horas para o XI Revenidas . Os días 22, 23 e 24 de agosto Vilaxoán convertirase na capital da música galega co primeiro Revenidas 100% galego.  Todo listo (ou case) nos escenarios do Revenidas, que verán pasar un sensacional cartel con algúns dos mellores grupos de rock galego das últimas décadas. Coincidindo co vinte aniversario do bravú, Heredeiros da Crus, os Diplomáticos de Monte Alto, Dakidarría, Terbutalina, Ulträqäns, Rastreros, Familia Caamagno e Sés lideran a relación de bandas que farán gozar ao público dende o venres a pequena vila mariñeira de Vilagarcía.  A expectación é alta para o comezo do Festival Revenidas que por onceavo ano consecutivo encherá a Vilaxoán con miles de persoas para disfrutar da sardiñada popular, actividades de balde para todos os públicos como maxia, circo, teatro, feira de creatividade ou pasarrúas, así como 27 concertos nos tres días de festival. O venres 22 será o comezo da XI Revenidas coa programación especial celebrando o XX aniversario do rock bravú. Até HOXE xoves pódense mercar as entradas anticipadas. Na web do Revenidas, na Airapro Tenda e en varios puntos de venda quedan aínda entradas anticipadas para o festival (18 € para os venres e sábado, 10 € para cada un dos días por separado). Na taquilla, terán un prezo de 22 e 15 euros respectivamente. O venres os concertos comezarán ás 22:00h (apertura de portas ás 21:00) Rastreros, Ulträqäns, Collón de Lola, Heredeiros e os Diplomáticos pasaron polos escenarios e a fin de festa correrá a cargo de DZ Selectors e DJ Crebinsky, que fará doblete en Vilaxoán. Para o sábado, ademais da tradicional sardiñada, quedarán as actuacións de Terbutalina, Sés, Familia Caamagno, Nao ou Dakidarría entre outros. O domingo será o día de portas abertas, con actividades de balde e os concertos de Bordeline 79, Alpargata ou Tandub. Pódese consultar aquí os horarios definitivos.

Da costa volvemos ao interior. Castro Caldelas acolle venres 22 e sábado 23 o Ponte Louco 2014. Con entrada e acampada de balde, o Ponte Louco deste ano contará con ¿Humanity? e o Rulassie Selektah venres e Maskarpone, os asturianos La Tarrancha e Cuchufellos, sábado, con Hadri Hache e Rulassie pechando a noite. Pero ademais, a Asociación O Irrio propón teatro, obradoiros, xogos infantís, pasarrúas e fútbol gaélico para completar a finde festivaleira. Podes consultar todas as novidades do festi no seu facebook. Tamén terra adentro, o domingo 24 será o Terra Brava no Incio. Os títeres de Mircromina e o II Aberto de Billarda darán paso aos concertos de Airiños da Freba, Quempallou, O Caimán do Río Tea e uns Diplomáticos que farán triplete. Tamén podes ver no seu facebook toda a información acerca do festival.

E por se isto non fose dabondo, o venres aínda hai outra cita festivaleira máis. O Armadiña Rock de Combarro, que levará até a praza da Chousa de Combarro a Dakidarría, Medomedá e MLK. Inserido dentro das Festas do Mar, nas que tamén se inclúe un concerto da Roda, HOXE xoves, o Armadiña Rock aposta nesta edición por un festival máis sustentable coa utilización de ecovasos -materia pendente aínda para moitos festis- e un decálogo de boas prácticas que ben vale para calquera outro festival. Desde logo, en GZmúsica apuntámonos á festa con sentidiño e animámosvos a que fagades o mesmo.

Ah! E coma sempre, moi boa a promo do Armadiña

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.