A parroquia de San Martiño de Vilelos, no concello do Saviñao, pon a punto o Folión das Fachas. Tradición con orixes milenarias, probablemente naceu como ritual de agradecemento aos deuses polas boas colleitas. Hoxe en día, perdidas xa esas connotacións, é un dos escasísimos "folións de véspera" que se conservan no país. O vindeiro venres 26 de setembro, en Vilelos, tes unha cita coa tradición e a boa música, que virá despois da procesión das fachas. Este ano, Abóbriga, Aires da Poxa e Sacha na Horta.

E toda esa celebración vén da man da Asociación de veciños de San Martiño de Vilelos, que un ano máis organiza o Folión de Fachas de agucios. Os agucios, coñecidos como abrótegas ou gamóns noutros lugares e de nome científico Asphodelus albus Miller son unhas plantas que brotan na primavera -son das primeiras en facelo- para secaren no verán e deixar uns xuncos de menos dun metro de alto. Estes xuncos secos son cos que se aquelan as fachas. Desde a asociación traballan nos últimos anos na recuperación desta tradición que se leva celebrando dende tempos inmemoriais. O seu obxectivo está a ser implicar á xente nova para que non se chegue a perder a tradición. Como cada ano, ademais dos actos habituais acompañarán o folión con outras actividades coma concertos a cargo dos grupos Aires da Poxa, Abóbriga e Sacha na Horta.

Esta cita celebrarase o día 26 de setembro a partir das 22:00 h. O principal reclamo da festa, a procesión das fachas á cima do Castro da Besta, comezará ás 00:00h. Á volta do percorrido acenderanse ás fachas máis longas que arderán ó tempo que se desenvolverán ditos concertos. Nestes días previos a asociación está a traballar na recollida dos agucios para elaborar as fachas. Neste proceso están tamén a participar os mais novos de Vilelos co fin de que vaian tomando contacto coa tradición.

Velaquí un vídeo de Televinte Chantada do folión de hai 2 anos,

{fcoments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.