A Federación Galega de Festivais de música vai celebrar unha importante asemblea o vindeiro sábado 21 de febreiro en Compostela. A Federación das Asociacións que organizan festivais independentes no país vai escoller nova directiva e trazar as liñas mestras de traballo para este 2015. Desde a FEGAFE animan as asociacións organizadoras de festis que aínda non están federadas a pasar por Compostela para coñecelos e unirse ao proxecto.

A reunión terá lugar o sábado 21, ás 11:30h, no local da Asociación de Veciñxs de San Pedro, en Santiago. Na orde do día aparecen diversos puntos, como o cambio de Xunta Directiva, a presentación de documentación dos novos socios, o Calendario de Festivais de 2015, a Liga de Cantos de Taberna, etc. Desde GZmúsica achegarémonos tamén á asemblea para lles facer unha proposta de colaboración entre o noso webzine e a FEGAFE para seguir a gravar e emitir o noso programa de televisión dedicado aos festivais, GZmúsica TV.

Na actualidade a FEGAFE está composta "oficialmente" por 17 asociacións culturais e xuvenís. Porén, diversas asociacións veñen traballando desde hai meses coa FEGAFE e cumprimentarán a súa incorporación á Federación este sábado. 

Desde a Federación fan un chamado ás moitísimas Asociacións sen ánimo de lucro que organizan festivais de música no país para asistir á asemblea, coñecer o seu funcionamento e unirse á Federación.

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.