A aldea de Cans, ao pé do Confurco, tense convertido na meca do cinema nacional. Aproveitando ao máximo as vantaxes da aldea, o Festival de cinema de Cans tira de "agroglamour" ano tras ano para encher de estrelas do cine, público, veciñanza e curiosos as rúas, os ghalpóns, os chimpíns e até os ghaliñeiros da aldea. De sempre a música tivo un sitio preferente neste festival, mais a aposta por ela faise maior ano após ano.

E isto non o dicimos -ou non só ;) - porque esteamos enleados na gravación dunha documental sobre os gaiteiros que se embarcaron co instrumento ao lombo nos anos 60 e 70 do século pasado que se vai presentar en Cans 2015. Como xa vos contamos, quen nos meteu a bordo desta aventura foi o infatigábel Xurxo Souto. O músico e escritor coruñés levaba un tempo querendo rexistrar a odisea de homes como Manoliño de Donón ou Lito de Pinténs, que levaron a gaita galega a Saint Pierre e Miquelón ou a Namibia. Aí estamos, traballando contra o reloxo -especialmente o noso home para todo, Martín Rodas, que está a lle dar duramente á edición- para telo aqueladiño para o 23 de maio. Mais a nosa non vai ser a única documental sobre música este ano no festival. En Cans 2015 poderedes ver a estrea de Torre de Breoghán, un documental de Jorge Coira sobre a xestación do espectáculo de Luar na Lubre. Nas palabras do seu director, unha peza na que "intentou filmar algo tan intanxible como é a propia música". Ademais, despois da proxección varios membros do grupo inaugurarán un novo espazo, a "placa de Bugarín", onde ofrecerán un concerto moi especial.

Os gaiteiros do mar actuarán no Jaliñeiro de Cans

E xa que falamos de concertos, lembrai que hai moitos, moitísimo en Cans. Polo Jaliñeiro, alén dos propios gaiteiros do mar, pasarán tamén os Poetarras e Raposo. Tamén Ses andará este ano -e non é a primeira vez- polo festival do Porriño. De fóra chegarán os Dos Tenores Def e Hendrik Röver, líder dos históricos Deltonos, que ademais de ser xurado do concurso de videoclips, tamén lle botará unhas pezas. Concurso de videoclips? Pois si, tamén diso vos hai en Cans. Aquí vos queda a playlist cos 20 videoclips galegos seleccionados este ano, onde entre moito pop insulso e rock en español, atopamos alfaias coma os vídeos de Som do Galpóm ,Liska, Terbutalina, Ruxe Ruxe ou Ataque Escampe. E ben, para ser honestos a nosa playlist non contén os 20 videoclips. Apenas 19. Os Cró! seguen a resistir agora e sempre ao invasor e subiron o seu vídeoclip a Vimeo. Aquí vos queda o deles, debaixo vai a playlist cos 19 restantes.

O vídeo dos Cró!

Os 19 restantes

{youtube}https://www.youtube.com/playlist?list=PLIEhFZqi-OLgoKYMGHKlYUUxV354o9UBK{/youtube}

 

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.