A Asociación C.D.E.Treze Catorze presenta a 8ª edición da súa gran festa, que se celebrará os vindeiros 1 e 2 de maio. The Marveltons, Ulträqäns e Terrakota tocarán nos concertos do sábado, mais xa desde o día anterior hanse suceder as actividades en Salceda de Caselas, con Cantos de Taberna o venres ou Vermutalina -Terbutalina en sesión vermú- o propio sábado ao mediodía.
A Festa contará coa actuación estelar do grupo lisboeta TERRAKOTA. Pero ademais, haberá unha ampla e variada programación, que de seguro, manterá ben entretida á xente que se achegue á vila de Salceda de Caselas. Serán dous días cheos de música e diversión que encherán o tempo de lecer da ponte de maio, totalmente de balde e contando cunha carpa, polo que a crise e o mal tempo non poderán ser escusa para non acudir e disfrutar desta esmorga.
A festa dará comezo o venres 1 de maio, a partir das 18h, cunha novidade: O campionato da liga galega de “Cantos de Taberna”. Os grupos participantes terán que recorrer distintos bares da vila, amosando as súas destrezas musicais e tendo que verse sometidos a exame polos taberneiros ao remate de cada actuación. A festa continuará no Desmodus coa actuación do grupo local A.P.I.S.A., Bakintaun de Porriño (versións de Thin Lizzy), e DJ Enxebere de Taragoña, que cargará de boa música ata que o corpo aguante.
O sábado 2 de maio chega o gran día, no torreiro de Sta María de Salceda. Outro ano máis, temos preparado un día cheo de actividades. Comezando ás 12:00h con forza, coa Sesión Vermú. Co grupo de gaitas Os Vi Jeta e As Punkiereteiras de Ponteareas. Pero, o que non deixará indiferente a ninguén será o novo espectáculo que nos traerá a banda galega TERBUTALINA, e que presentarán en primicia en Salceda: Terbutalina será por un día VERMUTALINA!
Logo: xantar popular, xogos tradicionais, obradoiro de danza tahitiana, batukada Som de Gringo. Pero, como non podía ser doutra forma, o que realmente agardan os incondicionais desta festa: o Grande Concurso de Saltos 13-14, que cada ano levanta maior expectación, sendo conscientes de que os grandes favoritos a alcanzar o premio levan xa tempo argallando o seu salto para ser o triunfador.
O prato forte chegará ás 23:00 coas actuacións da banda viguesa “The Marveltons”, composto por voces femininas; a continuación o grupo estrela chegado dende Lisboa “TERRAKOTA” ; e finalmente a banda galega “Ulträqäns” dende A Coruña. O fin de festa virá da man de “Mijel Inllo”, dj moi coñecido en Salceda ao conseguir sempre envolvernos coa súa onda borollera para que a despedida da festa ata o ano que ven sexa perfecta e inmellorable.
Ademais, informamos que existe en Salceda unha zona habilitada para furgonetas e autocaravanas recentemente inaugurada, e no torreiro contaremos cunha zona de lecer para os máis cativos, onde poderán entreterse con xogos tradicionais galegos, entre outras cousas.
Dende a organización convidamos ás xentes de todas as idades a pasar dous días de troula en Salceda de Caselas, cunha programación de luxo, e de balde!!
{fcomments}