Os encontros de coros tradicionais, CANTARES NO MIÑOR, que anualmente organiza Cantares do Brión, o coro radicado en Vincios (Gondomar), celébranse desde o ano 2012 para potenciar e dar a coñecer a música galega de raíz popular na súa expresión coral. Nesta ocasión, a agrupación invitada é o Real Coro Toxos e Froles, de Ferrol, que neste ano de 2015 conmemora o seu Centenario, motivo polo que lle será feita unha especial Homenaxe.
Toxos e Froles e Cantares do Brión interpretarán pezas significativas dos seus repertorios respectivos, en base a composicións populares e outras de autor, dos primeiros anos do pasado século unhas e de nova creación, contemporáneas, outras. Boa parte delas incluídas nos discos que ambas as dúas agrupacións gravaron e editaron o pasado ano: “100 Anos” é o título do CD de Toxos e Froles, e “Arruídos” o de Cantares do Brión.
Toxos e Flores será homenaxeado polo seu centenario
A sección de Teatro de Cantares do Brión vai representar unha pequena peza, “Diálogo da gharsa e o brión”, baseada na lenda da Touba do Brión, localizada na serra do Galiñeiro.
En anos anteriores, os coros invitados foron: Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela; a Coral De Ruada, de Ourense; e o Coro Aimil, de Xinzo de Limia.
En 2011 acudira a Vincios o coro Cántigas da Terra, que apadriñou a Cantares do Brión na súa presentación pública oficial.
Colabora nesta edición a Deputación de Pontevedra.
CANTARES NO MIÑOR
IV Encontro de coros tradicionais
VIGO. Auditorio Afundación (entrada Marqués de Valladares)
Sábado, 7 de marzo, ás 19:30 horas
Organiza: Cantares do Brión
Entrada de balde, até completar aforo.
{fcomments}