Despois da pasada fin de semana, co Resurrection, Ortigueira e o PortAmérica, a temporada festivaleira entra nunha xeira frenética que non che vai dar descanso até setembro. Pardiñas, Castelo Rock, Vilariño ou Reperkusión xa presentaron os cartaces deste ano. Revenidas fixo público un primeiro avance impresionante. Embarca connosco nesta andaina virtual que comeza esta finde -co Festigal ou o Antrospinos, entre outros- e percorre os recunchos todos do país deica a fin do verán. Propoñémosche cinco paradas para as vindeiras cinco semanas en festivais de todo tipo, gratuítos e con entrada, tradicionais ou rock, na praia ou nunha carballeira...atréveste?

Hai quen pode pensar que despois das tres citas senlleiras da pasada fin de semana, Resu, Ortigueira e PortAmérica, o mellor dos festivais do verán xa pasou. Non tal. Sen desmerecer os anteriores, desde esta mesma sexta feira até finais de setembro non hai unha fin de semana sen unha cita desas "imprescindibles". Aquí vos deixamos unha proposta bonita de percorrido para as vindeiras cinco fins de semana, até o Revenidas do 22 de agosto, e algunha pincelada do que vén en setembro.

24-25 de xullo, Festigal e Antrospinos

E non só, como podes comprobar na nosa Axenda Semanal: unha moi boa alternativa é o Nordestazo, -Los Suaves, Siniestro, Sés, Los Chavales,...- mais tamén está a Festa da Dorna, Intercéltico do Morrazo, Entroido Quente, Festixeve,...mais nós imos andarlle esta fin de semana por Compostela primeiro. No Festi.gal, coas Maianas, Habelas Hainas, Ruxe e Sokram o venres e mais Carapaus, Familia Caamagno e Superoito o sábado. Da que remate a sesión vespertina no Festi.gal, camiño ao Antrospinos. Taragoña acolle a oitava edición do festival, que volve a un formato máis pequeno, con Noite Fechada, Biribirlocke e Skandalo GZ coma protagonistas do concerto da noite.

1-2 de agosto, Zás e Pardiñas

Primeira finde de agosto é sinónimo de festival á sombra dos carballos. Música folk e tradicional ao abeiro de dous dos festivais de máis prestixio do país: a Festa da Carballeira de Zás e o Festival de Pardiñas. E non só tradición, pois estes dous festivais insiren -nomeadamente Pardiñas nos últimos anos- outros estilos para ofertar unha proposta máis ecléctica que segue a ser do gusto dxs seareirxs. Así, este ano en Zás recuncan Luar na Lubre, acanda Anxo Lorenzo, os escoceses Skipinnish e mais Sés, que este ano vai andar por un lotazo de escenarios no verán. Lembrade que en Zás desde hai anos, págase unha pequena entrada polo festival, 7 € este ano, coa que normalmente regalan un CD compilatorio das bandas participantes.

Pardiñas, en Guitiriz, acollerá unha ben interesante triséximo sexta edición do seu festival. Nun lugar máxico, nun ambiente para todos os públicos que invita a gozar de música e contorna, o cartaz deste ano mestura o rock -Sés, Nao, O Sonoro Maxín,...- coa tradición, da man de Os d'Abaixo, os escoceses The Dog Rose ou propostas anovadoras coma a dos portugueses Oquestrada. Todo iso, co pano de fondo da Mostra de Instrumentos Tradicionais e todas as actividades paralelas que se suceden durante as dúas xornadas do festival.

7-8 de agosto, Castelo Rock

O de Muros é o meirande dos festis desa fin de semana, mais non o único interesante. Por exemplo, a XVI Festa da Troita en Sobrado dos Monxes terá a Los Claretes, Ruxe, Zënzar e Cuchufellos. E no Morrazo, pola Noite dos Mouchos en Darbo pasarán Liska, Os Melidaos, Poetarras ou Riff Raff. Unha outra cita diferente é o Felipop, 6-8 de agosto, xoves de balde, 20€ os outros días, con Camarada Nimoy, Puma Pumku ou os británicos The Pretty Things.

Porén, o Castelo Rock é protagonista indiscutíbel desas datas, cun cartaz no que destacan bandas foráneas, El Drogas, Boikot e sobre todo os Soziedad Alkóholika, que se prodigan menos polo noso país. Ao seu carón, os Heredeiros da Crus, Biribirlocke, Skandalo GZ, Arrhythmia e Archivo Adxunto. O bono dos dous días vai custar 20€ na billetaría, mais aínda se pode mercar por 16€. Tamén hai entradas para un só día.

15 de agosto, Vilariño 

Esa fin de semana, nós témolo clarísimo, como a inmensa maioría das persoas que gostan da música e os festis no Morrazo e arredores. Festa Folc de Vilariño. A décimo sexta edición da festa da praia chega cun cartaz impresionante, mesturando tradición e novas músicas con catro bandas con directos espectaculares. PelePau para comezar, que de certo van sorprender coa súa aposta por un tratamento anovador da percusión tradicional. Despois, o Kepa Junkera, un ano despois de arrasar co seu Galiza. E para non parar xa de bailar na area, Chotokoeu e Cuchufellos, probablemente dúas das bandas máis en forma do panorama nacional. Con Nao e Dakidarría, Chotokoeu e Cuchufellos forman para nós o póquer de bandas a ver si ou si este verán polo país adiante. 

21-23 de agosto, Revenidas

E se o 15 de agosto non dubidamos onde imos ir, do 21 ao 23 tampouco. Vilaxoán volverá ser o epicentro da música na Galiza, nunha fin de semana onde tamén están o Irmandiño de Moeche, o Armadiña Rock ou o Festival do Castro, que aínda non desvelou o cartaz.

Polos dous escenarios do porto de Vilaxoán han pasar Nao, Familia Caamagno, La Raíz, Zoo, Liska, Banda Bassotti,... -nada máis e nada menos- e bastantes bandas, máis algunhas xa confirmadas pero outras aínda sen confirmar. Moito ollo aos vindeiros días, porque probablemente contra a fin de semana a organización anuncie unha bomba...e mantén en absoluto segredo algunha outra que, de callar, disque faría o Revenidas ir literalmente polo aire. Agora mesmo o bono para os tres días está en 25€ mais só até este venres 24 de xullo.

E en setembro, que? Pois Reperkusión ou Rock in Rian, por exemplo

Moitos dos festivais de setembro, como a Festa da Poesía do Condado 4 e 5 de setembro en Salvaterra de Miño, están a piques de facer públicos os seus cartaces, mais o Reperkusión, 11 e 12 de setembro, xa presentou o cartaz completo desta nova edición en Bemposta. Asian Dub Fundation Sound System, venres, e Dubioza Kolektiv, sábado, ao carón de Dakidarría, Chotokoeu, Trashtucada ou Che Sudaka. Un convite a bailar sen desmaio, vaia, na liña dun Reper que tanto en Allariz coma en Bemposta sempre apostou nesa liña. Para nós, o mellor será volver ver un deses descubrimentos que só se fan no Reper, Dubioza Kolektiv. Agora mesmo, se bules, aínda podes mercar o bono por 15€ máis gastos de xestión para os dous días.

Outro festi que ten (case) o cartaz completo é o Rock in Rian. Quempallou, Forraje, Os Diplomáticos e Terbutalina, á espera de que a organización desvele o último grupo, conforman o cartaz da edición deste ano do festival rianxeiro, que se celebra o 12 de setembro.


{fcomments}




Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.