A 45ª edición do Gouelioù Etrekeltiek An Oriant, ou Festival Interceltique de Lorient, hase desenvolver entre os vindeiros 7 e 16 de agosto na cidade bretoa de An Oriant -Lorient, en francés- que volverá encher as súas rúas e locais con música chegada de todas as nacións celtas. Na delegación galega xa está todo aquelado para comezar a viaxe, con nomes como Talabarte, Radio Cos, Rosa Cedrón ou Carlos Núñez entre os que han levar a nosa música ao berce do interceltismo.

O Intercéltico de An Oriant naceu hai 44 anos co desexo dos seus fundadores de contribuír ao desenvolvemento da música e máis a cultura bretoas. Porén, desde o comezo estivo aberto para as nacións celtas das illas Británicas -Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man, Irlanda- e o norte da península Ibérica, Galiza e Asturias.

Isto deulle un lugar especial entre todos os festivais bretóns, pero tamén internacionais na medida en que creou un novo concepto prometedor: o interceltismoCo seu éxito, o interceltismo pasou as primeiras fronteiras celtas británicas e peninsulares para conectarse con outros lugares onde hai tamén unha migración máis recente das xentes destes países e así é habitual ollar en An Oriant bandas australianas, canadienses ou latinoamericanas a interpretar música celta.

Nos dez días de festival, chegan á cidade bretoa máis de 4.500 artistas para participar nos máis de 120 espectáculos que se desenvolven nos distintos espazos do festival, chegando a haber 100.000 espectadores de pago e 700.000 visitantes, o que o converte no festival máis importante da Francia.

Espazos de festa libre, talleres de música, conferencias, concertos todos os días en escenarios e bares da cidade, master clases gratuítas de instrumentos celtas, desfiles diarios, concursos de gaita, acordeón, arpa celta, percusión, bandas, xardín de luthiers, espazo solidario... Tamén hai espazo para o deporte, regatas, fútbol gaélico, carreira popular… Exposicións de obras de arte, feira do libro, un mercado de artesanía acorde á temática do Intercéltico… sobran as palabras para definir un festival único.

Representantes galegos  na edición do 2015

Talabarte, Radio Cos, Rosa Cedrón, Carlos Nuñez,  Grupo de Baile "Trébede",  Banda de Gaitas de Barbude e mais o Dúo Edelmiro Fernández & Pedro Pascual (Músicas Sacras). Eis a escolma que levará a nosa música até a Bretaña. 

Por riba, e co gallo da 30ª edición do Trofeo MacCrimmon -antigo MacAllan- dous dos gañadores galegos deste trofeo, o hionense Alberto Coya que o levou no 2006 e o ribeirán Edelmiro Fernández que o gañou en 1995, 1996, 1998, 2001 e 2007, estarán na gala especial que se celebrará para este trixésimo aniversario, ao carón doutros grandes da música celta coma os asturianos Xuaco Amieva e José Manuel Tejedor, o escocés Fred Morrison ou o bretón Patrick Molard. Por outra banda, os participantes galegos na edición deste ano do MacCrimmon serán Xabier Pereira Díaz, Xesús Rodríguez Callejón, Marcos Tella Álvarez e Javier Vázquez López.

FOTOS: brittanytourism.com e ouest-france.fr

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.