A fin de semana volve ser un fervedoiro de festivais ao longo da Galiza. Revenidas en Vilaxoán, Intercéltico en Moeche,, Armadiña Rock en Combarro,... Unha moi boa alternativa para este sábado é o Festival do Castro. En Pantón levan xa dez edicións deste festi, cun cartaz ben interesante para o seu aniversario. Bótalle unha ollada a todo o que argallou a AC O Castro!

A equipa de GZmúsica vai andar por Revenidas máis unha  vez. Desde que nacimos coma webzine, no 2012, non faltamos á nosa cita en Vilaxoán. Porén, a finde hai moitísimas máis alternativas. Desde o Intercéltico de Moeche ao Armadiña Rock, e máis que podes ver na Axenda. Iso si, unha que vos ten moi boa pinta é o Festival do Castro.

Unha moi boa opción desde logo é ir até Pantón a este festival. Ás que xa estivestes algún ano pouco vos podemos contar que non saibades e aos que non estivestes aínda… como se vos ocorre tal cousa?!

Naceron no 2006, aínda que houbera antes outras dúas etapas -a pioneira de 1979 ao 1981 e outras dúas edicións nos anos 90. De dez anos para aquí mudaron moito as cousas, o festival medrou e o mundo ao seu arredor tamén mudou. Mais desde a AC O Castro queren seguir sendo cultura popular a pesar de que cada vez sexa mais complicado manter a aposta pola cultura no rural e pola dinamización do interior do país.

As actividades comezan xa de mañá. Abren ás 11.00 horas coa Feira de Artesanía durante todo o día. Para despediren a mañá, reafirmando actividades da edición pasada, arranca a partir das 13.00 horas o Vermú Gaiteiro da man de Nordesía, foliada con gaita ou calquera instrumento aberto á participación libre e convite á 1ª volta aos músicos!, polo que dende a A.C. O Castro fan expansiva a chamada aos músicos ceibes que desexen ser escoitados ou darse a coñecer ao mundo, eles teñen un sitio especial no Festival do Castro.

O X Xantar Popular comezará ás 14.00 horas. O prazo para se anotar remata HOXE xoves polo que tentádeo rápido aquí: 636.537.474 ou no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. . Por certo, os vexetarianos tamén teñen cabida no X Xantar Popular dispondo dende a organización dun menú adaptado.

Café-concerto ás 16.30 horas, exercicio de reanimación dixestiva ao cargo do Paxtaranga, de moda nos festivais galegos!

Actividades de tarde, especiais para o público miúdo, dende as 17.00 horas nas costas do Castro. Con Kote Malabar, que conxuga os malabares co humor e, de seguido, Aerrealistas, chega o tempo das acrobacias de man de Raquel Oitaven e Mercé Solè que presentarán o espectáculo “O que queda por chover”.

Anoitecer no Castro, ás 21.00 horas, nas costas do Castro, nun escenario de luxo e tras o éxito da edición anterior, andarán por alí os Poetarras, que serán os encargados de abrir o apetito de música e gañas de máis.

Concertos do Festival do Castro, dende as 23.30 horas, o forte do festival, unha das edicións de verdadeiro luxo, cun cartel mundial, atómico:

Os Cempés; Unha banda que se mantén a pesar dos anos e o tempo para que o lume da cultura galega e a música propia sigan tendo osíxeno para arder e resoar aínda moito tempo máis. Os Cempés inaugurarán o escenario do décimo aniversario do Festival do Castro coa mellor música do país.

Chotokoeu; é un dos grupos máis internacionais da Galiza e chega ao Festival do Castro aínda coa resaca de percorrer boa parte de Europa tocando, aprendendo e empapándose de enerxía, festa e alegría coas que contaxiarán ao festival e ás festivaleiras sen dúbida.

Muyayo Rif, é unha banda que se creou no 2000 en Cornellà de Llobregat (Catalunya). Afíns a ritmos urbáns coma o punk, ska, reggae, latin e rock, no 2007 transformaron o seu proxecto, profesionalizando o seu estilo para acadar un son propio e un directo diferente, no que predomina a enerxía, a festa e a crítica social dende o espírito optimista e festivo que caracteriza á banda.

RUXE-RUXE; O rock galego volve un ano máis ao Festival do Castro de man dos carismáticos Ruxe Ruxe para pechar os concertos no escenario. Dende o seu nacemento, en 1996, Ruxe Ruxe difunde a súa música por todos os recunchos da Galiza, o veciño Portugal, Italia e outros lugares do Estado.

E como sempre aínda non rematará a festa, chegaremos á mañá cedo con picadiscos da casa.

Tras dez anos de festa, de artesanía, de xantares e cafés concertos, ducias de actividades de teatro e circo e unhas setenta actuacións musicais, desde a AC O Castro queren convidarvos a todas a vir á nosa festa. Xa que non terás ocasión de ver tanto mundo, tanta calidade e tanta axitación cultural en tan pouco tempo, en nun contorno tan agradable, non podes faltar, participa nos concertos de balde, para a programación da túa intendencia conta que todos os eventos terán lugar no recinto de O Castro (campo da Feira), terás servizo de bar, bocatería e wc, contamos con zona de acampada libre e poderás empregar servizo de bus para enlazar Monforte de Lemos co Castro en Pantón e á inversa, toda esta info e máis sobre medios de acceso en festivaldocastro.com

FOTOS: Arquivo de GZmúsica

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.