A cita festivaleira senlleira do inverno galego xa está aquí. É tempo da Candeloria. 19 e 20 de febreiro, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acollerá a terceira edición deste festival que volverá reunir o mellor do rock galego con grandes nomes da escena estatal, nunha mestura de punk-rock, hip hop e outros estilos na que collen S.A., Zënzar, Zoo ou Poetarras. 

A Candeloria volve ao Pazo de Feiras, despois do salto de calidade que deu o festival o ano pasado, o que implicou o paso do pub Clavicémbalo –sede da primeira Candeloria- ao Pazo. O Festival da Candeloria é, sen dúbida, a aposta máis ambiciosa do inverno galego. Velaí o cartaz deste ano, que reúne bandas galegas de primeira liña coma Os Diplomáticos de Monte Alto ou NAO con figuras estatais coma Narco, EUKZ ou Soziedad Alkohólica. Porén, nas máis de dez horas de música ao vivo que programará A Candeloria hai oco para moito máis ca os cabezas de cartel. Pola banda galega, cómpre non perderse o concerto de Familia Caamagno. En apenas catro anos, os de Sigüeiro convertéronse nun referente do novo rock galego, cunha posta en escena coidada e unha aposta clara polo rock dos 60 e 70, que plasmaron polo de agora nos seus tres traballos discográficos. Precisamente Lugo suporá o peche dunha etapa, última ocasión de vermos esas camisas vermellas pois toca mudaren traxes para a presentación do disco novo na Capitol o 4 de marzo. Tamén a non perder a presenza dos Zënzar. Os padriños do rock galego, con máis de vintecinco anos de andaina, están nun estupendo momento de forma, como veñen de demostrar na xira que deron este outono con Ruxe Ruxe. Na Candeloria, continuarán a presentar os temas do seu novo disco, Camiñando entre serpes (2015). 

E dos grupos chegados de fóra, sen dúbida Zoo e Aspencat son dúas formacións a ter moi en conta. Ambas as dúas de Valencia e ambas tamén cunha proposta semellante, que fusiona hip-hop e electrónica con outros ritmos coma o rock ou o ska. No caso de Aspencat, falamos dunha formación xa consolidada, con varios discos no mercado e participacións en festivais de sona estatais, como o Viña Rock ou o Aúpa Lumbreiras, aínda que non se teñen prodigado moito en Galiza. Estarán na Candeloria presentando o seu sexto disco, Tot és ara (2015) despois do suceso acadado no Festivern valenciano, un pioneiro no relativo a festivais de inverno que se vén celebrando a noite de fin de ano desde 2004. Zoo, no entanto, conta apenas cun par de anos de vida e un só disco no mercado, mais xa tivo ocasión de actuar no noso país, o pasado verán no Festival Revenidas.

Como acontece xa na maioría de festivais, a proposta da Candeloria vai alén dos concertos da noite, que son de pago. Así, haberá sesión vermú, Feira, Aberto de Billarda e concurso de Cantos de Taberna por varias tascas da cidade, unha opción que gaña forza nos festivais, nomeadamente do interior do país.

HORARIOS

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.