Mañá xoves 9 de xuño bota a andar a décima edición do Festival Alternativo Millo Verde de Redondela. De volta na Chan das Pipas, en Saxamonde, tres días de actividades gratuítas, acampada incluída e a ocasión coma sempre de gozar con directos potentísimos de bandas galegas e foráneas, ademais dun feixe de actividades durante o día para todos os públicos. The Marveltons, Pan de Capazo, Chotokoeu, The Soul Breakers, Maison du Malheur ou Gypsy Sound System Orkestra. Así de interesante é a proposta do Millo Verde deste ano. Vámoslle para Redondela!

A X edición do Millo Verde celebrarase os días 9, 10 e 11 de Xuño no Concello de Redondela, mantendo a localización de "Chan das Pipas" (Saxamonde). Esta zona considérase o lugar máis axeitado polas súas dimensións (hai un campo de fútbol), polo entorno natural que ofrece para a acampada e polas instalacións que ofrece (duchas, pista de baloncesto, auditorio, aseos…). Un dos mellores paraxes naturais do concello de Redondela, ó que se poderá desprazar sen ningún problema mediante unha liña de autobuses dende o centro da vila.

A AC Millo Verde quere lembrar que toda a oferta, tanto musical como de actividades, é de libre acceso para todas as persoas que queiran achegarse e gozar do Millo Verde.

Actividades de día

Desde a xa tradicional Escalabirras até plantación de árbores. O Millo Verde quere darlle un pulo ás actividades de día nesta edición, conseguindo facer o festival máis atractivo a un máis amplo abano de públicos. As crianzas terán o seu espazo, a Música das Árbores, onde haberá un pequeno pasarrúas, música e contacontos, onde existe un trasfondo de educación ambiental. Haberá tamén campionatos de basket e fútbol 3x3, Jam Grafiti, os malabares de Duende Circo ou DJs, concertos e sesión vermú.

Concertos de noite

A X edición do Millo Verde traerá coma sempre unha moi boa proposta musical. Ecléctico e máis amigo dos bos directos ca dos grandes nomes, o festival mantén unha liña que o caracteriza desde o comezo e que ten permitido a moitas festivaleiras descubrir bandas impresionantes. Por exemplo, os alicantinos Trouper’s Swing Band, que repiten por segundo ano consecutivo ou os holandeses Zibabu –tamén coma Bucket Boyz durante o día-, cuarta participación, e Maison du Malheur, que xa estiveran no 2014, e que este ano volverán mostrar os seus potentes directos en Redondela. Igualiño ca os Chotokoeu, outros que recuncan despois de estaren no 2011 e que tamén teñen tralla para repartir ao vivo. Entre as novidades, os suízos Gypsy Sound System Orkestra, os pangalaicos Pan de Capazo ou Vinila Von Bismark.

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.