O 1 de abril preséntase como unha data cargada de concertos no país. O día en que GZmúsica fai 5 anos non sabemos moi ben aínda a que concertos asistiremos pois a proposta é ampla e variada. Unha nova alternativa para ese sábado será o Subsolo Rap Fest que se celebrará en Compostela, ás 21:30h na Sala Moon. Este festival independente que quer ser referencia para a escena underground do rap galego e do resto da península botou a andar en 2009 e chega, con intermitencias, á quinta edición este ano. Este ano poderedes gozar das actuacións de Furnier, Goma2Crew & SUD-AK's -que chegan desde Lugo para facer unha actuación en conxunto- e Ignis Verbis vidos desde Portugal. A festa rematará na Taberna-Pub O'Pozo con DJ Russinha, fundadora do grupo de rap e trap feminista Mulheres na Batida.
A quinta edición do SUBSOLO RAP FEST será o vindeiro sábado 1 de abril ás 21:30H na SALA MOON(Compostela). SUBSOLO RAP é un festival independente de música rap. Os obxectivos principais deste evento ademais da difusión dos artistas que nel participan, é xerar un espazo-tempo de referencia para a escena underground do rap na Galiza e o resto da península Ibérica, así como achegar ao circuíto cultural de Compostela un festival afastado das radiofórmulas e a lóxica puramente mercantil que invade o ocio da nosa vila actualmente. Este proxecto naceu en marzo do 2009 e desde entón xa se celebraron catro edicións de maneira intermitente, e este ano van pola quinta!!
Nesta quinta edición contarán coas actuacións de IGNIS VERBIS, desde Setúbal (Portugal), presentando o seu single debut “Barca da vida”. IGNIS VERBIS é un proxecto que xurde da fusión entre o rap interventivo de Xoto con o rock stoner de Los Empty Heads e a maxia da produción de Dysiled. A actitude é de rúa, sen pelos na lingua nen panos quentes.
Tamén contaremos coa presencia de FURNIER, un clásico no festival e toda unha referencia do underground por estas latitudes, con 4 discos editados, leva anos transmitindo potentes concentracións de amor e odio en forma de rap e sonando nos estéreos dos quinquis máis sibaritas.
Desde Lugo visitaránnos dous grupos emerxentes da escena, que farán unha actuación en combo conxunto. Trátase de GOMA2CREW & SUD-AK´s, que combinarán a crudeza do rap hardcore clásico dos primeiros coas metralletas líricas e golpes de realidade dos segundos.
Tras o concerto haberá unha “after party” na Taberna-Pub O´Pozo con DJ RUSSINHA, referente dos bailes nocturnos da torcida picheleira e membro fundadora do grupo de rap e trap feminista Mulheres Na Batida*.
+info en : subsolorap.wordpress.com
ACUDE E DIFUNDE!!!
{fcomments}