O Revenidas de Vilaxoán ou históricos do mundo folque coma o Irmandiño de Moeche e a Festa Folc de Vilariño encabezan unha fin de semana en que o país estará ateigado de festivais e concertos. Por volta das 50.000 persoas gozarán da música galega e de figuras internacionais nas distintas propostas programadas, que van desde os festivais multitudinarios até pequenos concertos gratuítos. Velaquí unha pequena guía para non te perderes e saberes escoller a túa opción festivaleira para esta finde.
Vilaxoán de Arousa, Moeche, Vilariño, Cambre, Saumede, O Castro de Caldelas, Ferreira de Pantón, Negreira, Fisterra, Ponteceso, A Peroxa, Maceda ou Mugardos. Até 13 festivais de distintos formatos terán lugar esta fin de semana. Na costa e no interior, de pago e de balde pero sempre en pequenas vilas, incluso en aldeas, a música galega vive unha das findes máis intensas. Comezamos o repaso.
E comezamos polo Revenidas. Paseniño, desde o seu comezo no 2003, a festa que se monta arredor das sardiñada popular na alameda de Vilaxoán tense convertido no maior referente da música festivaleira galega no verán, sempre cunha idea e un propósito claro: o "compromiso do festival co país, coa nosa cultura e coas persoas que fan que exista".
O cartel do Revenidas 17 componse de case unha trintena de concertos de bandas procedentes de Galiza, Asturies, España, os Países Cataláns, Euskal Herria, Arxentina, Hungría ou Reino Unido. Unha combinación de sotaques e estilos musicais como o balkan, ska, punk, rock, pop, garage, rap, hiphop, funk, dubstep, trap, reggae, folque ou electrónica. Unha experiencia popular galega ao redor desa grande comida familiar, a Gran Sardiñada Popular que deu orixe ao festival, actividades gratuítas para todos os públicos e concertos nun recinto pechado con dous escenarios no Porto de Vilaxoán en Vilagarcía de Arousa os días 18, 19 e 20 de agosto do 2017.
Nesta edición pasaron polo Revenidas grupos como: Skindred, La Pegatina, Bohemian Betyars, Txarango, Riot Propaganda, De Vacas, Sara Hebe, Terbutalina, Dakidarría... e un longo etc que completan unha proposta de case 30 diferentes opcións musicais. Alén diso, o Revenidas tamén ten unha chea de actividades e propostas diversas para toda a familia como a sardiñada popular, a feira revenida, a música do recuncho dub, os pasarrúas, as propostas que nos achegarán tres chefs de alto nivel como son Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta d'Obradoiro) ou Rafa Centeno (Maruja Limón), a Gala de Circo Solidaria ou os concertos a bordo do Chasula con Xurxo Souto, Ugía Pedreira e Pierrot Rougin, Najla Shami, Lydia Botana e o Leo i Arremecághona. A Feira Revenidas abre as súas portas hoxe sexta-feira 18 de agosto, ás 18:00h e a música non parará desde que SondaRúa abra hoxe os concertos ás 20:30h deica o paso polo escenario dos Bohemian Betyars, na madrugada do domingo. AQUÍ tes todos os HORARIOS para non deixares nada atrás.
Os bonos que permiten asistir aos tres días de festival están á venda na web por un prezo de 45€ + gastos de xestión. O mesmo sucede coas entradas para asistir a un só día de festival, que se poden adquirir por un custe de 25€.
GZmúsica estará, máis un ano, no Revenidas, manténdovos informados do que vai acontecendo no festival alén de gravando un novo programa de GZmúsica TV. Mais non vai ser Revenidas o único festival no que esteamos esta fin de semana. Pasaremos tamén por Vilariño, na parroquia do Hío, no Morrazo, para a XVIII edición da Festa Folc de Vilariño. Como sabedes, GZmúsica naceu no Morrazo e a Festa Folc é un festival ao que estamos fondamente ligados, así que tamén andaremos por alí mañá sábado. Nesta edición en que a Festa Folc chega á maioría de idade serán Donicelas e Susana Seivane, desde o eido folque e trad, e mais Che Sudaka e Skarnivals, desde unha óptica máis skatalítica e festivaleira os encargados de encher de música e bo ambiente a praia de Vilariño. De balde, como todos os anos e con actividades que comezan xa cedo na mañá do propio sábado co pasarrúas da Treboada do Ghato pola aldea e na jam session improvisada da sesión vermú, onde músicos da contorna e chegados de lonxe animan a area da praia. Haberá máis un ano comida e bebida a prezos máis ca populares e diversión asegurada até que saia o sol o domingo. AQUÍ a versión on-line da revista da festa, con horarios e máis detalles.
Pero non só o sur do país ten boas propostas para a fin de semana. A volta da Festa Folk na Fin do Camiño en Fisterra, con Fol de Veneno, Budiño+Mercedes Peón, Os d'Abaixo e a Compañía do Ruído, unha nova edición do Rock in Cambre, con Ruxe Ruxe e Nao hoxe e Diplomáticos, Agoraphobia e El Drogas mañá como pratos fortes ou, desde logo, a celebración da XXXVIII edición do Irmandiño de Moeche, que comeza tamén hoxe e se prolonga até domingo, con Xabier Díaz&Adufeiras, Luar na Lubre ou Bouba Pandereiteiras entre outros na programación, fan que as opcións festivaleiras se esparexan por toda a costa galega.
E, claro, tamén polo interior do país. Un ano máis, o Festival do Castro en Ferreira de Pantón, encherá a xornada do sábado 19 con actividades ao longo de todo o día. SES e El Diluvi como cabezas de cartel, vermú gaiteiro, zona de acampada, buses de balde, todo o preciso para pasar un día de música e festa en Pantón. E non só desa banda do Sil haberá troula. O Castro de Caldelas acollerá unha nova edición do Ponte Louco con Brinkadelia como prato forte e Cantos de Taberna polos locais da vila caldelá. E para rematar este repaso polos festivais do interior, o Festival ao Compaz de Saumede, unha aldea abandonada no concello da Bola. Un lugar máxico para un festivla diferente, menos multitudinario pero con interesantísimos grupos como Cró! ou Lamprea Explosiva no seu cartaz, que ofrecerá concertos desde hoxe até domingo.
E si, como nos debuxos de Bugs Bunny, isto non é todo. Bótalle un ollo á Axenda de hoxe, mañá e domingo para saberes doutros festivais e concertos que terán lugar esta intensa fin de semana.