A plataforma de música galega Sons de Breogán bota a andar unha campaña de micromecenado para difundir a música galega non comercial, aquela que se mantén á marxe do daniño capitalismo. O proxecto compártese a través de Verkami, onde a xente pode sumarse á iniciativa.As recompensas van dirixidas tanto ao público en xeral coma as bandas.
Partillamos con todas e todos vós a nota de prensa que nos envía a xente de Sons de Breogán.
Máis que nunca necesitamos ás nosas seguidoras para que nos axuden a continuar e defender os nosos valores. As persoas que aporten poderán camisolas, cadernos, bolsas, mochilas, suadoiros e máis cousas. Tamén teñen recompensas orientadas cara a grupos e artistas, como a realización dunha páxina web ou un videoclip.
O obxectivo desta campaña de micromecenado é ter fondos para continuar loitando por un espazo cultural para a música galega fóra dos intereses capitalistas. Sons de Breogán é unha plataforma que naceu hai anos dun traballo de final de carreira, coa intención de dar difusión e ofrecer servizos para artistas e grupos de música non comercial. Ten presenza en varios festivais, así como unha tenda en liña con produtos propios, de grupos e de artistas. Dende Sons de Breogán queremos dar a máxima difusión ao contido musical non comercial, tanto de grupos xa afianzados na contorna musical, como dos novos grupos e artistas que desexan chegar a novos públicos. Somos a mostra do que é o panorama musical galego do séxulo XXI e reivindicamos e apoiamos valores que nos definen, baseados no feminismo, internacionalismo, loita LGTBI, e o antifascismo.
Nesta época de grandes avances da ultradereita, precisamos dunha música galega que defenda os valores da liberdade. É por iso polo que precisamos da xente que de verdade loite pola nosa cultura musical e que aposte polas nosas artistas. Actualizaremos a nosa web incluíndo unha axenda de eventos, novas entrevistas, artigos con novidades e información, ademais dun espazo colaborativo cunha base de datos de grupos e artistas , de maneira que todas as nosas seguidoras poden saber o noso calendario. Nas nosas redes sociais publicaremos tamén a nosa axenda, así como promocións e sorteos.
Entre os nosos eventos destacamos pola boa acollida o pasado ano con Pauliña + Satxa + Bastardos de Rivera, e o vindeiro 13 de marzo celebraremos a II Festa Sons de Breogán con Rebeliom do Inframundo + Cuarta Xusta + Samu Acaracán e Os Tintafemia.