A primeira edición do MUMI celebrarase en Verín do 12 ao 14 de marzo e combinará encontros profesionais con actividades abertas ao público. As bandas e artistas poden inscribirse dende hoxe até o 11 de febreiro na web do encontro, mumimusicas.eu. Esta primeira feira profesional de música galega e portuguesa nace co obxectivo de crear unha ponte real e estable entre os profesionais dos dous países.


A semana pasada presentouse oficialmente o MUMI VERÍN’20, o I Encontro Profesional de Música Galicia - Portugal. A presentación tivo lugar na Casa da Cultura de Verín e contou coa presenza de Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Ana Villarino, deputada de Termalismo, Turismo e Medioambiente da Deputación de Ourense; Manuel Vicente "Roxo" (Culturactiva SCG), por parte do MUMI – Galicia; e José Costa (Banzé), por parte de MUMI – Portugal.


O Roxo, o Zé Costa e mais unha gavela de políticos na presentación da feira

O MUMI é o primeiro mercado profesional de música e cultura que se organiza entre os territorios de Galiza e Portugal e está promovido desde unha asociación integrada por empresas, profesionais e colectivos do sector musical galego e portugués; e apoiado polo programa da Xunta 'O teu Xacobeo' co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para as músicas de ambos os  dous países. O encontro, que se desenvolverá en Verín os días 12, 13 e 14 de marzo, reunirá a artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinerxias sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa. Entre os obxectivos do encontro tamén está fixar unha axenda anual de traballo conxunto a nivel sectorial, empresarial e institucional para converterse no espazo de referencia da actualidade musical de Galicia e Portugal.

Áreas de programación

A feira contará cunha programación profesional que incluirá actividades de formación (técnica, xurídica, marketing), speedmeetings (encontros rápidos) entre profesionais do sector, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e Portugal, e unha feira sectorial con presenza das empresas das diferentes áreas do sector. O Camiño e o feito do Xacobeo 2021 serán tratados especificamente neste apartado como grandes xeradores de oportunidades para o sector aproveitando o seu patrimonio cultural e os espazos naturais que ofrece. Tamén haberá concertos abertos ao público xeral cunha selección de propostas musicais de diversos estilos e formatos, nunha programación que mesturará os novos valores e as figuras xa consagradas en espectáculos multidisciplinares para público familiar e adulto.

Desde a organización do MUMI en Galicia, Manuel Vicente ‘Roxo’ asegurou que “había tempo que tanto as bandas e artistas como a industria musical galega e portuguesa andabamos á procura dun espazo onde recoñecernos como sector profesional, como xeradores de riqueza e diversidade”. Roxo engadiu que “o MUMI xurde para converterse nunha plataforma de internacionalización das nosas músicas, un espazo onde Galicia e Portugal poidan cooperar directamente, tecendo redes profesionais que fortalezan realmente o sector musical profesional e onde sexamos capaces de xerar sinerxías que repercutan a medio prazo na produción e comercialización das músicas dos dous países”.

FONTE: Diario do Támega

Representando á organización do MUMI en Portugal, Zé Costa explicou que hai xa cinco anos que Portugal está traballando na internacionalización da súa música e que “por tanto era necesario este achegamento a Galicia para acabar con este descoñecemento mutuo que acontede ao longo de toda a fronteira con España”. Costa asegurou tamén que o MUMI “vai ser moi importante para a evolución das dinámicas do sector e a vitalidade dos artistas que atopar no MUMI unha experiencia rentable e enriquecedora” Pola parte das administracións, Diego Lourenzo manifestou que o Concello de Verín se sinte orgulloso de poder acoller esta primeira edición da feira e disposta para seguir prestando toda a súa colaboración e apoio en vindeiras edicións. Ana Villarino, deputada de Turismo e alcaldesa de Oimbra tamén ofreceu a posibilidade de emprazala no concello que goberna e asegurou que “somo concello e comarca raiota e sempre tivemos unha convivenciq económica e social cos veciños de Portugal, para nós hai moito tempo que a raia deixou de existir”. Villarino amosouse convencida de que o MUMI pode atraer outro de tipo de eventos arredor do turismo e a posta en valor do patrimonio de toda a comarca. Por último, asegurou que desde a Deputación vaise seguir apoiando este encontro porque é fundamental apoiar a cultura para mellorar o noso territorio” Jacobo Sutil, presentando á Xunta de Galicia desde a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), fixo fincapé en que o MUMI “representa o espírito do Xacobeo porque é un proxecto participativo, descentralizado e sustentable, tal e e como se pretende desde o programa ‘O teu Xacobeo’ no que está enmarcado. Sutil tamén quixo poñer en valor o traballo de coorganización exitosa levado a cabo polas empresas promotoras de ambos territorios e desexou que esta sexa a primeira de moitas edicións. Inscricións abertas Roxo anunciou que xa está aberto o prazo de presentación de propostas artísticas para participar no encontro.

As inscricións poden facerse a través da web mumimusicas.eu ata o 11 de febreiro, e poden presentarse todas as bandas ou artistas de Galiza e Portugal que teñan un proxecto musical de carácter profesional, independentemente do tipo de formación ou estilo. As bases completas poden consultarse na web do encontro. O representante da organización do MUMI apuntou tamén que “as propostas participantes serán escollidas por profesionais do sector, seguindo non só criterios de calidade, senón tamén de viabilidade dentro dos propósitos e características da feira”. A programación de showcases que resulte desta selección será comunicada o 24 de febreiro.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.