Máis un ano, desde a organización do Correlingua fan un chamamento ás bandas galegas para participaren no Cantalingua. Canción orixinal en galego, valorarase que sexa feita ad hoc para o certame, e como premio actuacións remuneradas dentro da programación do Correlingua, ente o 5 e o 15 de maio. Prazo de inscrición aberto até o 1 de marzo de 2020.
Desde a organización do Correlingua contactamos con vós para animarvos a participar no Cantalingua 2020, o concurso musical do Correlingua. Coma en anos anteriores, cada grupo participante debe enviarnos unha canción orixinal en lingua galega en formato MP3 a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Valorarase especialmente que se trate dun tema creado para a actividade.
O lema do Correlingua deste ano é vinte coa lingua, en referencia aos 20 anos do Correlingua reivindicando o dereito a vivir en galego. Ademais do tema en formato MP3 deberase enviar unha pequena presentación da banda ou solista e unha fotografía, e indicar un enderezo electrónico e teléfono de contacto. O prazo para entregar as propostas remata o 1 de marzo do 2020.
O premio do Cantalingua consiste en actuar para un público escolar dentro da programación do Correlingua entre o 5 e o 15 de maio en horario de mañá. As actuacións repartiranse entre os tres primeiros clasificados de maneira equitativa e de acordo coa súa dispoñibilidade, cunha remuneración de 650 € brutos por actuación. Podes consultar as bases do concurso en liña na seguinte ligazón, escollendo Cantalingua: correlingua.gal/bases.