Non tes nada que facer este venres? Pois vai á Coruña de rachí. Ofrenda a Curros, homenaxe ao historiador Santiago Daviña e concerto na Cova Céltica, Orzán 82, cos Vicentes de Elviña, -gaiteiros residentes-, e os Tres Trebóns. E todo para lles lembrar aos repunantes que na Coruña tamén lle falan o galego. Facíano no tempo en que o Gremio de Mareantes lle danzaba ao seu patrón. E cando Curros atopou conforto alí. E fano agora.

O vindeiro venres 4 de maio A Cova Céltica, rúa do Orzán, celebrará a condición da Coruña como gran capital da lingua galega. Unha festa, ás dez da noite, protagonizada polos Vicentes de Elviña, -gaiteiros residentes-, e polo conxunto Tres Trebóns. Previamente, ás nove da noite, realizarase unha ofrenda diante do monumento a Curros Enríquez.  Aquel artista que, diante da persecución do bispo de Ourense, atopou na Coruña luz e agarimo, até se converter para os nosos maiores no poeta por excelencia da cidade. De seguido, en homenaxe ao historiador Santiago Daviña, os gaiteiros Pedro Villarino e Brais Maceiras, o lóstrego de Elviña, interpretarán a Danza do Antigo Gremio de Mareantes diante do Pórtico de San Andrés.

O Gremio de Mareantes foi a agrupación máis importante da Coruña medieval. As súas ordenanzas incluían o mandato de que corenta mariñeiros novos bailasen a danza de espadas o día do seu patrón. Esta tradición -xunto cos arquivos do gremio- perdeuse cando o pirata Drake queimou a igrexa e o hospital dos mariñeiros, a igrexa de San Andrés.

O historiador Santiago Daviña atopou á fin unha copia das Ordenanzas do Antigo Gremio do Mar. Foi en plena Meseta, no Arquivo Xeral da Armada, en Viso del Marqués (Ciudad Real). Un documento que se cría perdido dende o incendio de 1589, e que don Santiago recuperou, pouco antes do seu pasamento, para maior gloria da cidade.

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.