Interesante experiencia que se desenvolverá na illa de San Simón do 9 ao 15 de xullo. Un Fiddle Camp, un curso de violín tradicional, impartido nun lugar das características senlleiras de San Simón e dirixido a rapaces de 8 a 18 anos. Aulas de violín e outros instrumentos, actividades no mar, lectura, xogos,... unha alternativa interesante para as crianzas este verán.

O SAN SIMÓN FIDDLE é un curso de música especialmente destinado a nenos e nenas, onde se combinan actividades musicais con outras de lecer e tempo libre. O curso está enfocado a alumnado que teña como mínimo un ano de coñecemento do instrumento. Non obstante, coa intención de ofrecer a posibilidade de ter un primeiro achegamento ao violín tradicional, o SSFC abrirá un grupo destinado a principiantes no que non será imprescindible ter coñecemento ningún do instrumento.
Aqueles solicitantes con idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos terán preferencia en caso de superarse o número de prazas máximo previsto. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición no momento en que a matrícula sexa formalizada, sendo anotados nunha lista provisional os solicitantes que malia superar os 18 anos estean interesados en participar no campamento.

Explotar ao máximo a capacidade de improvisación dos nenos é un dos obxectivos principais que persegue este fiddle camp, o que lles mostrará un novo e fantástico mundo musical descoñecido para eles ata o momento.
Neste campamento
a música é transmitida oralmente, prescindindo de partituras e agudizando a capacidade de retentiva musical dos rapaces, quen tras uns días na illa serán capaces de aprender unha melodía en poucos minutos.
As actividades de tempo libre
(coordinadas por monitores especializados) compleméntanse coas musicais, sendo a aprendizaxe máis entretida e amena. Desta maneira o campamento non pretende ser exclusivamente un curso de música senón xuntar obxectivos fundamentais: a formación musical e humana dos seus integrantes.

O profesorado estará formado maioritariamente por músicos vinculados a Son de Seu. Todas e todos eles son voluntarios, o que permite reducir un 40% o custo do campamento, que será finalmente de 300€. Hai 5 bolsas destinadas a rapaces cunha mala situación económica familiar. Máis info no blogue do fiddel camp, sansimonfiddle.blogspot.com

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.