Houbo un tempo, aló polos anos 50 e 60 do século pasado, en que a hostelaría galega vivíu unha revolución. Entraron a formica e a radio primeiro. A televisión algo despois. E a súa chegada provocou que fosen desaparecendo as mesas de madeira e o canto tabernario. Mais o canto de taberna rexorde, con numerosas iniciativas que o promoven en todo o país. A última delas, o ciclo organizado en Pontevedra pola Asociación Cultural Maravallada e a concellaría de Festas que se está a celebrar estes días.

Porque as xeracións nacidas despois desta involución coñeceron unha hostelaría onde a uniformidade provinciana xa fagocitara, -como sinala Xurxo Souto nos seus Contos da Coruña, (Xerais, 2001)-, a taberna tradicional. E tan dura foi a reconversión que se fixo habitual, nas paredes dos locais en que adoitaban cantar os seareiros, un cartaz, escrito en español, que dicía Se non sabes cantar, non cantes. E se cantas ben, canta fóra. Tamén as ordenanzas municipais prohibiron expresamente nalgúns lugares cantar nas tabernas. E a medida que o ruído da televisión empoleirada en calquera recanto e a musiquiña das máquinas comecartos se convertían na banda sonora destes locais, -renomeados como bares, café-bares ou cafetarías-, o canto de taberna esmorecía.

O vindeiro 27 de xullo hase pechar o ciclo de Cantos de Taberna en Pontevedra

Porén, algúns recunchos mantiveron teimudos o seu vello carácter tabernario. Precisamente neles foi onde algunha formación, nomeadamente A Roda, cultivou o repertorio que despois gravou e popularizou. Elo imprescindíbel na transmisión das cancións de taberna do país, o grupo vigués ten o mérito de rescatar do esquecemento o canto tabernario para lle dar de feito tanta popularidade que foi quen de reinserilo no acervo cultural do país. E así, as vellas cancións da taberna, -interpretadas ao xeito en que as deu a coñecer A Roda-, escoitábanse, aínda o fan, nas ceas de empresa, no botellón ou nos campos de fútbol.  Para quen poida dubidar da importancia deste grupo no canto de taberna, un dato. A canción do Gato, a que canta iso do “gato metido nun saco”, da autoría de Manolo da Ponte, é hoxe coñecida, -agás na parroquia do Hío de onde é orixinaria-, pola versión do grupo vigués, que cambia varias estrofas da orixinal. Velaí ademais, a esencia do canto de taberna. Este tema relata un suceso real da aldea de Vilariño, de onde era orixinario Manolo da Ponte, e foi composta case ao mesmo tempo que acontecían os feitos que relata. Posteriormente, A Roda aprendeuna, probablemente do propio autor, arredor da mesa dalgunha taberna e interpretouna ao seu xeito.

Nos últimos anos, a semente que botaron formacións como A Roda, e que souberon coidar algunhas tabernas que resistiron os tempos duros, comeza a agromar. Son moitos xa os lugares da nosa xeografía onde, ao abeiro dalgún festival ou dentro da programación cultural dalgún concello, se organizan ciclos de cantos tabernarios. En Ferrol, o Ciclo de Músicas Tabernarias, en Melide, o Concurso de Cantos de Taberna. Mais tamén en Marín, en Combarro ou en Moaña, onde o Var con Uve é o epicentro do novo rexurdimento.

A última cidade galega en sumarse á esta recuperación foi Pontevedra. A Asociación Cultural Maravallada e a concellaría de Festas da capital do Lérez organizaron esta primavera o primeiro ciclo de Cantos de Taberna. Nove locais da cidade están a ser o marco onde o propio grupo Maravallada desenvolve o seu repertorio tradicional. Xa o fixo durante os meses de marzo e abril e vólveo repetir estes días. E sempre seguindo un mesmo esquema. Asactuacións teñen lugar os venres, percorrendo tres locais cada día na compaña dun grupo convidado. Os concertos desenvólvense entre as 21.00 e as 24.00 horas.  O 25 de maio, a andaina tabernaria estivo no Contribución,  no Vetula Ponte e na Estafeta. O 29 de xuño, foi o día  das Reixas, A Lareira e mais A Navarra. E para rematar con este ciclo,  o 27 de xullo, a ruada chegará ás Parvadas, aos Maristas e á Casa do Lado.

Aquí tedes unha mostra dos cantos tabernarios do 29 de xuño:

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.