A máis movida das festas do galego reinicia a súa actividade coa convocatoria do seu concurso máis importante: o Cantalingua. As bandas galegas poderán inscribirse nesta convocatoria que ten como premio cantidades de ata 1.000 euros por cada actuación nos centros escolares que participan do Correlingua. O prazo para as bandas se apuntaren na convocatoria 2022 do Cantalingua remata o vindeiro domingo 3 de abril ás 12 da noite.
No concurso poden participar bandas e solistas en lingua galega de calquera estilo musical. As cancións deben ser orixinais, e cantadas integramente en galego. Terá especial valoración que a canción sexa especialmente creada para esta actividade. Para participar nas Festas do Correlingua é necesario participar no Cantalingua.
Os premios para esta edición de Cantalingua no Correlingua serán as actuacións previstas nos centros, haberá tres premios para os tres primeiros clasificados cunhas contías 500 euros brutos por actuación de solista, 700 euros brutos por grupo ata tres compoñente e 1000 euros brutos para grupos con catro ou máis compoñentes. Os concertos serán celebrados polas mañás. A canción deberá presentarse en formato MP3, xunto cunha presentación da banda ou solista e unha fotografía.
Hai que indicar un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Todos estes datos pódense enviar ao correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. antes do das 24H do 3 de abril de 2022. As cancións participantes serán publicadas na web de Correlingua e difundidas nas redes sociais para que sexan coñecidas polo maior número posible de persoas. Os gañadores coñeceranse no mes de abril de 2022 na web do Correlingua.
Os concertos celebraranse nos meses de maio-xuño e outubro-novembro de 2022 cunha duración aproximada de 30 minutos nos concertos compartidos e de 50 minutos cando a actuación sexa en solitario.
As bases completas podedes consultalas e descargalas aquí: Bases Cantalingua 2022
Máis info: https://correlingua.gal/novidades/