A gala dos Premios da música e da poesía galego-portuguesas aRi[t]mar unirá de novo as dúas beiras do Miño nun acto que decorrerá a vindeira sexta-feira 22 de novembro, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. A compañía Chévere será a encargada da presentación. Máis de 12.000 votos populares decidiron os gañadores desta novena edición dos premios.

O Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela será o escenario este venres 22 de novembro ás 20:30 horas da gala de entrega da novena edición dos Premios da música e da poesía galego-portuguesas aRi[t]mar.

Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago; Xaquín López, xerente do Auditorio de Galicia; Valentín García, secretario xeral da Lingua, e o productor Víctor Bello presentaron esta mañá a gala en rolda de prensa. “Estamos moi satisfeitos de ver como vai medrando aRi[t]mar, unha iniciativa que partiu da Escola Oficial de Idiomas como un proxecto didáctico pedagóxico”, explicou Gonzalo Constenla, “e que nesta ocasión contou xa con máis de 12.000 votos populares para decidir os premios”.

Nesta edición, as vencedoras do Premio á Mellor Música do Ano en Galicia é o grupo ‘De Ninghures’; os vencedores do Premio á Mellor Música do Ano en Portugal, ‘Os Quatro e Meia’; a vencedora do Premio á Mellor Poesía do Ano en Galicia, Silvia Penas; e a vencedora do Premio á Mellor Poesía do Ano en Portugal, Sílvia Mota Lopes. Por último, a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado foi distinguida co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona.

Os encargados de presentar a gala, todos homes, na rolda de prensa de onte

Xaquín López, xerente do Auditorio de Galicia, destacou “a relación da cidade de Santiago coa lusofonía”, e Víctor Bello, productor da gala, asegurou que “o obxectivo é que o evento do venres sirva aos obxectivos do proxecto, compartindo co público a relación entre as dúas beiras do Miño”. Valentín García, secretario xeral da Lingua, lembrou pola súa parte “a importancia da música e a cultura para incrementar o uso do galego”. O grupo Chévere será o encargado de presentar a gala, na que actuará o músico Luis Caracol.

Proceso

Ao comezo de cada ano, un xurado composto por alumnado e persoal da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, e por outras persoas pertencentes a diversas entidades, escolle as cancións e poesías finalistas de entre as propostas realizadas polo xurado. Posteriormente, o público, maioritariamente galego e portugués, a través do voto popular e mediante votación online na Internet, elixe as pezas gañadoras, que se dan a coñecer tras a finalización do proceso. A gala do venres, no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Santiago, o Instituto Camões e o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.