Os Abrentes de Cerdedo, organizan unha charla sobre música galega no CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo dentro do proxecto “A Defensa da Música Galega”. O vindeiro 15 de novembro, Gabriel Pazos, presidente da asociación, impartirá unha charla interactiva sobre música galega no CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo, dentro do proxecto “A Defensa da Música Galega”. Esta iniciativa, impulsada pola recente creación da Escola de Música Tradicional dos Abrentes, busca achegar a riqueza musical e cultural de Galicia aos máis novos.
A charla está dirixida a nenos e nenas de infantil e primaria, e incluirá unha introdución aos instrumentos galegos máis representativos, como a gaita, o tamboril e a pandeireta. Ademais, narrará o conto interactivo “Os Músicos de Santiago”, unha adaptación feita para captar a atención dos máis pequenos e involucralos activamente na experiencia. Os nenos poderán imitar sons e ritmos, mergullándose no patrimonio musical galego dun xeito lúdico e educativo.
A creación da Escola de Música Tradicional da Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo marca un fito na preservación e transmisión da música galega. Con proxectos como “A Defensa da Música Galega”, a asociación traballa para que as novas xeracións coñezan, valoren e participen no legado cultural e musical de Galicia.