Este encontro, que vai xa pola súa sexta edición, terá lugar o vindeiro domingo 10 de novembro no Centro Sociocultural do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela. Tradición en feminino concibiuse como un espazo no que visibilizar e revalorizar o papel da muller no eido da música tradicional.
Cotobade, a 07 de novembro de 2024. A Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG) organiza o vindeiro domingo 10 de novembro no Centro Sociocultural do Castiñeiriño de Santiago de Compostela, unha nova edición do Encontro “Tradición en Feminino”.
Este evento, que xa se consolidou como unha cita imprescindible no calendario cultural galego busca visibilizar e resaltar o enorme e imprescindible papel que tivo e ten a muller para a preservación e transmisión da nosa riqueza cultural.
Presentación e faladoiro “Ecos de Saudade. Retrato en Si ♭”. María Acuña
A xornada comezará coa presentación e posterior faladoiro ao redor do libro e documental “Ecos de Saudade. Retrato en Si ♭”, obra da xornalista María Acuña que afonda na historia do emblemático grupo de gaiteiras Saudade. A autora compartirá cos asistentes moitos anos de pescudas, de recuperación de arquivos e imaxes, de documentación entre po e papeis case esquecidos, de conversas con Saudade, de Saudade e por Saudade, o grupo de gaiteiras de Ribadeo. A través do documental achegarémonos a esta historia da man das súas protagonistas. Son elas as que narran, neste documento testemuñal, o bulir de tempos pasados. Unha fotografía, unha nova na prensa, unha peza musical.
Ademáis, durante o faladoiro que terá lugar a continuación da proxección do documental, os asistentes non so terán a oportunidade de escoitar a María Acuña falar sobre o proceso de creación da súa obra, senón que tamén poderán escoitar e conversar con Teresa Rodríguez, Menchu Rodríguez, Fefa Louseira ou Laura Alonso, 4 das integrantes de Saudade.
Relatorio sobre o proxecto “EnClave Morada accións educativas para a visibilización da muller na música”.
O encontro continuará cunha charla a cargo de Rebeca Carrera, Susana Pérez e Belén Ferreiro, profesoras de gaita, piano e viola no CMUS Profesional de Vigo e coordinadoras do proxecto "Enclave Morada". Este innovador proxecto ten por obxecto dotar de referentes femininos do mundo da música á comunidade educativa e tentar revertir algunas das inxustizas que a historia tivo coas mulleres, tantas veces silenciadas. Grazas a información e recursos que temos hoxe en día pódense revertir algunhas delas, e os centros de ensino son os lugares perfectos para sementar a curiosidade sobre esas mulleres compositoras.
Charla-concerto a cargo de Beatriz Martínez
Para finalizar a xornada, a arpista Beatriz Martínez ofrecerá o relatorio-concerto “Tal como as nubes” unha viaxe polo imaxinario de Galicia harmonizada coas vivencias da instrumentista coa música tradicional.
Temas que recrean paisaxes, natureza e tradición co misticismo dos seus instrumentos. Esta obra aporta unha concepción moi novidosa no tratamento da música de tradición oral para a arpa coa que se intercalan temas de composición orixinal.
Unha actuación que non só deleitará aos asistentes pola súa destreza na arpa, senón que tamén lles permitirá comprender mellor a viaxe artística que emprendeu ao longo dos anos.
Un evento que celebra a cultura e a tradición galega
O evento "Tradición en Feminino" non só é unha celebración da cultura e a tradición galega, senón tamén un recoñecemento do papel fundamental que as mulleres desempeñaron na preservación desta herdanza. A través das presentacións, charlas e actuacións, os asistentes poderán mergullarse na riqueza da cultura galega e apreciar a diversidade e o talento das súas artistas.
Detalles do evento
O evento levarase a cabo o 10 de novembro no Centro Sociocultural do Castiñeiriño, en Santiago de Compostela. As actividades comezarán ás 11.45 horas e estenderanse ao longo do día, ofrecendo aos asistentes unha experiencia completa e enriquecedora. A entrada é de balde previa inscrición e ata completar o aforo.
Conclusión
A sexta edición de "Tradición en Feminino" promete ser unha xornada inesquecible que celebrará a rica herdanza cultural de Galicia e o importante papel das mulleres na súa preservación. A través da presentación de "Ecos de Saudade", a charla sobre "Enclave Morada" e a charla-concerto de Beatriz Martínez, os asistentes poderán gozar dun día cheo de cultura, inspiración e música. Non te perdas esta oportunidade única de celebrar e apoiar a tradición galega no corazón de Santiago de Compostela.
A participación neste encontro, organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos e subvencionado pola Deputación de A Coruña será de balde previa inscrición e ata completar aforo.
PROGRAMA:
11.45 – Apertura
12.00 – Presentación e faladoiro arredor do libro-documental “Ecos de Saudade. Retrato en Si ♭”. María Acuña
13.30 – Xantar
16.30 – Relatorio “EnClave Morada. accións educativas para a visibilización da muller na música”. Rebeca Carrera, Susana Pérez e Belén Ferreiro
17.30 – Descanso
17.45 – Relatorio - concerto “Tal como as nubes”. Beatriz Martínez
INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 661 637 696 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.