O 7 de setembro abre as súas portas a Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei. A casa natal do escritor chairego foi reformada e mostrará a partir de agora a súa magnífica biblioteca, un importante fondo artístico, a correspondencia con diversos persoeiros da nosa cultura, etc. Alén do acto institucional matutino e do xantar popular, -para o que xa non se pode reservar-, haberá música e poesía ao vivo e de balde.
A Fundación Manuel María leva máis de 6 anos a traballar para manter o legado e a memoria de Manuel María. O seu primeiro obxectivo foi dispor dun espazo físico onde se dese acollida á biblioteca, manuscritos, obxectos persoais ou calquera outro feito relacionado co poeta e que servise, ademais, como lugar de referencia para dar a coñecer a súa obra e figura entre o pobo galego. Para iso adquiriron a súa casa natal en Outeiro de Rei e despois de anos de traballo, o vindeiro sábado 7 de agosto inaugurarán nela a Casa Museo Manuel María.
Ademais do acto institucional previsto para as 11:30h., levarase a cabo un xantar popular na carballeira de Santa Isabel, un gran concerto musical con Fuxan os Ventos, Miro Casabella, Uxía, María Manuela, Berrogüetto e Roi Casal. Intercalarase coa lectura de poemas por parte de Pilar Pallarés, Luz Pozo, Fernán Vello, Méndez Ferrín, Marica Campo e Bernardino Graña. A maxia do Mago Antón e a animación de Xurxo Souto, completarán a xornada. Haberá visitas guiadas durante toda a xornada. A participación é libre e gratuita, menos o xantar para o que xa non se pode reservar prato desde o 30 de agosto.
{fcomments}