A escola de percusión afro-brasileira Prucupá (Santiago de Compostela) comeza novo curso 2013-2014 en outubro. Caixas, surdos, repiques e timbaus da Asociación Trópico de Grelos están listos para soar nos módulos iniciación e perfeccionamento da escola. Para celebrar o principio de curso a asociación organiza un concerto na praza de Cervantes o xoves 26 desde ás 19:00 h.
Este ano a escola ten dúas grandes novidades:
- A final de curso, a escola saca disco. Aparte de ser unha boa lembranza, desde a asociación cren que a experiencia e aprendizaxe que a gravación en estudio suporá para o alumnado merece moito a pena.
- O Bloco da Escola Prucupá, no que está convidado a tocar todo o alumnado da escola, está comezando a ter as súas primeiras actuacións.
O Módulo I, de Iniciación, tocará ritmos como o Reggae Baiano dos anos 80 e 90, o Merengue, a Rumba ou o Funky, segundo a tradición do bloco afro Olodum. Transversalmente trataranse outros contidos, tanto musicais - técnica de baquetas, formas musicais, aspectos básicos de escritura - como históricos - contexto histórico e cultural no que estes ritmos e instrumentos son creados e tocados. Profesores Xurxo Troncoso e Andrés Rivero. Todos os mércores de 18:00 a 19:30 h.
Módulo II, Intermedio - avanzado indagará en ritmos de Olodum como Avenida, Forrodum, Drum&Bass; os toques do Ilè Aiyè de Samba Afro e Ijexá, asi como nas principais quebradas e frases propias deste ritmos. Profundizarase no vocabulario dos diferentes instrumentos dentro da Música Afrobaiana. De forma paralela traballaranse a comprensión dos ensembles, aspectos técnicos de baquetación, dixitación, dinámicos, frases, subdivisión e coreográficos. Profesores Narci Rodríguez e Andrés Rivero. Todos os mércores de 20:00 a 21:30 h.
{fcomments}