Xa van alá máis de tres anos desde ese venres de xullo do 2010 en que arrincaba o programa Folk in Trío na emisora comunitaria coruñesa, Cuac FM. E desde aquela, a música folk e tradicional dáse cita neste espazo con música en directo, sorteos, anuncios, entrevistas... e un lote de novidades cada semana con gran apoio pola música novel. A 4ª tempada manterá obxectivos e liña marcada nos anos anteriores, e volverá cada sexta feira, de 16 a 17 horas, en Cuac FM e tamén nalgunha outra emisora.

Nos seus 3 anos de andaina, polos estudios de Cuac FM achegáronse grupos e solistas como Berrogüetto, Quempallou, Riobó, Os Cempés, Xabier Díaz, RIU, Sergio Tannus... pero no programa tamén non deixaron a ocasión de falar por vía telefónica con xente como Eliseo Parra, Silvia Pérez Cruz, Luar na Lubre e unha morea de artistas máis.
Folk in Trío ten feito programas en directo, como na Antiga Prisión Provincial da Torre aproveitando o noso 50º programa, ou o Especial Festival Interceltique de Lorient, dez programas en directo dende a Bretaña francesa nos anos 2012 e 2013.



A 4ª tempada vai na liña marcada das anteriores, con seccións como o Xa Choveu!, onde rescatan gravacións que xa se poden considerar históricas; o Folk-exemplo onde seguirán poñendo a proba algúns dos convidados; a sección friki-folkie, onde de cando en vez teremos a ocasión de escoitar cousas fóra do habitual; axenda semanal etc.
Folk in Trío estará os venres de 16 a 17 horas en Cuac FM, e tamén soará en Radio Crónica Folk Musical, Radio Neria, Radio Roncudo e Radio Pai.
{fcomments}