Cravuñando nela e deixándoa aqueladiña para saír ao aire. Niso está a equipa da Fouce Sonora, a preparar a que será a súa estrea, na nova tempada de Irmandade.tv, cun programa centrado na música galega, que contará con actuacións ao vivo. Cada semana, entrevistas, videoclips e actualidade da nosa música nun novo programa que pretende servir de altofalante ao que se fai nos torreiros e escenarios do país.


O presentador do programa será Roi Vázquez, nado hai 27 anos en Brión, habitual da Banda das Crechas e colaborador de formacións como Budiño ou Ruxe Ruxe. No primeiro programa, contarán coa presenza de Vituco Neira, membro de Ruxe Ruxe e presentador do Planeta Furancho na RG e de Narf, que falará do seu novo disco-libro, unha ollada desde o rock á poesía de Rosalía, e tamén tocará un par de temas ao vivo na Fouce Sonora.

En GZmúsica estamos moi contentos de GZmúsica TV xa non ser o "único programa da TV mundial dedicado á música galega", e agardamos que a andaina da Fouce Sonora sexa longa e exitosa. Parabéns ao Roi e a toda a equipa por se implicar nun proxecto tan bonito como semella que vai ser a Fouce. 


{fcomments}