No programa 925 do Luar, -925!!!!!!!-, un gaiteiro de Verín presentouse ao concurso Vai de Gaita cunha gaita marciana. Isto é, o deseño inventado por Xosé Luis Foxo en Ourense, empregado nas bandas de gaitas "marciais" e que provoca un rexeitamento unánime no mundo da música tradicional galega. O xurado, composto por Susana Seivane, Lorena Freijeiro e Cristian Silva, foi moi duro co concursante verinés e este retrucoulles defendendo o enxendro marciano. A polémica chimpou ás redes sociais, e un grupo de Facebook de apoio á tradición musical de noso supera os 1600 seguidores en apenas 24h. Links aos vídeos e artigo de Lavesedo no interior.

Todo aconteceu en venres 13. Concretamente, o de decembro de 2013. No programa 925 do incombustible Luar desenvolvíase unha eliminatoria do Vai de Gaita, o concurso para escoller @ mellor gaiter@ do país. Un dos concursantes, Denís de Verín, presentouse ao concurso cunha gaita marciana. (NOTA para descoñecedor@s e até inimig@s do universo gaiteiril: gaita de 3 roncos, aire marcial,..., unha versión agalegada da gaita escocesa que fomenta hai anos Xosé Luis Foxo en Ourense a través da deputación e da semente que foi deitando por vilas de toda a provincia). A resposta do xurado foi especialmente dura. Paga a pena ver o vídeo, no que Susana Seivane dá unha lección de coherencia, orgullo e amor cara ao mundo da música tradicional e o que representa o seu instrumento icónico. E non deixou de apuntar un dato que si é novedoso nesta vella polémica, a vertente económica desta invasión marciana que maleduca musicalmente unha parte importante da mocidade ourensá. Tamén Cristian Silva estivo contundente e non entrou a valorar o que cualificou de "circo". Lorena Freijeiro foi máis politicamente correcta e si avaliou a actuación de Denis, -aínda que dándolle un 4 e sinalando que non se podía entender aquilo como gaita galega-. O concursante non ficou calado e falou de argumentos históricos, mais non puido deixar de admitir, coa boca pequena, que non se trataba dunha gaita tradicional. A polémico, como dixemos, vén de vello e xa hai anos que a aculturación, nada da xenreira, vén aniñando en centos de gaiteir@s aprendid@s, desde hai máis de 25 anos en Ourense e desde o 2005 en Pontevedra, nun invento, moi respectable, pero que non é música tradicional galega. Ninguén discute que o gaiteiro a soldo na catedral de Tui na Idade Media vestise saio ou que haxa mostras de gaitas de máis dun ronco nas representacións e na documentación histórica da gaita galega. Tamén che hai gaita de barquín, polo Baixo Miño se mal non lembro, e cómpre apoiar a súa recuperación pero non armar arredor dela a nosa tradición musical. E no fondo, o que hai é exclusivamente un prexuízo cara á nosa música, a que Foxo e outros vén incapaz de chegar á maxestuosidade das bandas escocesas. Recoñéceo Carlos Núñez en 'Entre Fisterras', publicado en Xerais, no que Salvador Rodríguez lle fai unha longa entrevista co gallo da saída do seu 'Almas de Fisterra'. Foxo, e el propio, ficaron abraiados coas bandas bretoas, os bagad, creadas engadíndolle elementos escoceses á tradición bretoa. E de aí vén todo o seu proxecto, ao abeiro da Deputación de Ourense e da súa Real Banda de Gaitas. A diferenza, ao meu entender é que neste país había unha tradición absolutamente viva, que non aceptou o modelo como propio. E por riba, mostrou exemplos -SondeSeu, Moxenas Musical Galego ou as bandas que defenden con orgullo á tradición na Liga de Gaitas-, de que Foxo se trabucaba de vez. Si é posible acadar a pretensa maxestuosidade alicerzándose exclusivamente na nosa música.

Aquí tedes o vídeo do Luar, son 3 horas e pico. Podedes velo enteiro ou ir a 1h28min para ver a polémica. No Facebook, creouse un grupo contrario á presenza destas gaitas marcianas na CRTVG no que actualizan información sobre o asunto. Nel podedes ver directamente as dúas partes do concurso(VÍDEO1; VÍDEO2) da polémica do Luar.

Texto: Lavesedo

Imaxes: grupo de Facebook 'Non á falsa tradición galega na CRTVG' e blog de Vai de Gaita.

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.