A edición 2014 do Cantalingua xa dá os seus primeiros pasos. As entidades organizadoras do Correlingua volven convocar este concurso musical dirixido ás bandas que desenvolven o seu labor no noso idioma. De feito, pode participar calquera grupo ou solista que envíe un tema en galego. Até o 1 de abril hai tempo para enviar o tema e poder acceder ao premio, 10 concertos que darán os 3 grupos gañadores do 5 ao 16 de maio de 2014.


Que é o Cantalingua?

O Cantalingua é un concurso musical ideado polas entidades organizadoras do Correlingua: a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de LugoPontevedraVigo e Ourense.



Quen se pode presentar?

Todos os grupos ou solistas de calquer estilo musical que manden unha canción en galego.

Que hai que facer?

Moi sinxelo, só tedes que enviarnos unha canción en galego en formato MP3 baixo licencia Creative Commons e un correo electrónico ou teléfono de contacto a  Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. . Ademais do tema en formato mp3, mándanos a foto da banda e un breve texto de presentación.

 

As cancións serán colgadas na páxina  cantalingua.org para que poidan ser desfrutadas por todo o mundo.

 

Os temas deberán ser orixinais, quedando excluídas as versións. A temática das letras será completamente libre, pero non poderán ter contidos obscenos nin discriminatorios ou violentos.

Importante: o prazo para enviardes os temas remata o 1 de abril de 2014.

 

Os gañadores

Os grupos ou solistas gañadores serán elexidos baixo un sistema mixto de votación popular vía Internet, mais un xurado integrado por alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato. Os nomes dos gañadores serán coñecidos ao redor do día 15 de abril.

 

Mais… hai premio ou non hai premio?

Por suposto que o hai! Como sabemos o difícil que é para os grupos galegos facer concertos, ese será o noso premio: 10 concertos para o Correlingua 2014, que se repartirán os tres primeiros grupos ou solistas clasificados no concurso.

Estas actuacións terán lugar entre os días 5 e 16 de maio de 2014, e contarán cunha remuneración económica de 600 euros por actuación.

Todos os concertos serán pola mañá e terán unha duración aproximada de media hora e deberán ser integramente en galego. No caso de que algún dos gañadores non puidese participar nalgún dos concertos, a lista iría correndo ata completar todas as datas cos grupos que queden entre os 10 primeiros.

 

E lembrade…

Aínda que soe a tópico… no Cantalingua o importante é participar. O obxectivo non é acadar un premio, senón espallar a música das bandas galegas -a vosa música- entre o maior público posible. Por iso vos pedimos a todos os grupos amadores e profesionais, aos rapaces e rapazas, profesorado... PARTICIPADE! Axudádenos a dar a coñecer a música en galego entre os máis novos. Todos sairemos gañando.

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.