Desde xaneiro até xuño, -comezando este sábado 11 de xaneiro-, un sábado ao mes o Auditorio da Xunqueira de Redondela acollerá a Rede de Músicas Soltas. O público poderá coñecer proxectos en activo vinculados á música popular galega a un prezo reducido, de 4€ cada actuación. Ugia Pedreira e Fred Martins, -isto é, Acróbata-, serán os encargados de encetar un ciclo no que terán cabida Radio Cos, Caxade ou Narf.


Redondela abre por fin un espazo para a música feita en Galiza con un elenco espectacular.  A Rede de Música Soltas de Redondela son concertos de presentación dos proxectos en activo da música popular feita aquí por músicos galegos. Así temos os novos discos de Caxade, Fran Pérez "Narf" e Radio Cos, actuacións especiais coma a de Kepa Junquera con Xabier Díaz, a inminente estrea de Jazzología ou as cancións inéditas en "Acrobata" de Fred Martins e Ugia Pedreira. Pequenos formatos para o acolledor espazo do Auditorio da Xunqueira, na vila das pontes.

Non todo o que cae na rede é peixe, e nesta rede só cae música de autora, de autor, de raíz, música popular traballada, de todos os POPs, de todos os pobos, música viva, que respire, que se mova, que nos faga vivir e movernos… A Rede de Músicas Soltas trae peixe fresco de tempada de primavera e outono, aires cálidos en tempadas de mudanza estacional.

A RMS é un ciclo de concertos promovido polo Concello de Redondela e organizado por aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, para músicas en pequeno formato ao redor da música popular e os seus universos. Xa se acolleron tamén Ribadeo con quen comezou a rede, Celanova e Rianxo.

Os concertos son nun sábado ao mes ás 21 h no Auditorio do Multiusos de Redondela (AMIC).

A venda de entradas realizarase na porta do Auditorio 30 min. antes de cada concerto a 4 €.

PROGRAMA

sábado, 11 de xaneiro
Hora: 21:00
Acrobata en concerto
Ugia Pedreira e Fred Martins.


sábado, 15 de febreiro
Hora: 21:00
Radio Cos en concerto especial

sábado, 15 de marzo
Hora: 21:00
Caxade en concerto

sábado, 12 de abril
Hora: 21:00
Jazzología en concerto

sábado, 17 de maio
Hora: 21:00
Narf en concerto

sábado, 14 de xuño
Hora: 21:00
Kepa Junquera + Xabier Díaz

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.