A Pousada das Ánimas leva xa uns anos remexando o panorama cultural do Barbanza. Desde Boiro, cunha programación na que teñen cabida distintas expresións artísticas, nomeadamente a música. Agora, os seus xestores convocan os Premios A Pousada das Ánimas 2013, no que se pode votar polas mellores actuacións do ano pasado no local, que optarán a diversos premios.
A Pousada das Ánimas habilitou na súa web, apousadadasanimas.com, unha votación onde, até o 19 de febreiro, se pode elixir as mellores actuacións que pasaron polo local o pasado ano. Hai dúas categorías, música por unha banda e teatro-monólogo-performance por outra.
5 finalistas na categoría de música e 3 na de teatro serán escollidos polos votantes. Posteriormente, un xurado decidirá a orde en que quedan clasificados. E o 22 de febreiro, haberá unha gala no local, con música ao vivo e o anuncio das formacións vencedoras.
Transilvanians, Narf, Nao ou Sés son só 4 expoñentes da variada programación que acolle o local -galega e foránea- pola que podedes votar na web da Pousada.
Nunca estiveches aló? Ben, non sabemos que pensan os organizadores ao respecto, mais a votación aparentemente non require ter estado no concerto en cuestión. Iso si, sempre podes botarlle unha ollada á canle de youtube do local, onde toparás unha pequena mostra das actuacións que pasaron pola Pousada. Eis unha mostra
{fcomments}