A través do INAEM, convócanse unhas axudas dirixidas tanto a músicos como a asociacións sen ánimo de lucro e programadores musicais varios. Trátase dunhas axudas de carácter estatal, quizais complicadas para os festivais galegos organizados por asociacións por mor dos requisitos solicitados pero si moi interesantes para as formacións do país interesadas en saír tocar fóra. Tamén os grandes festivais galegos poden optar a unha das liñas de axuda.

No caso dos músicos, ábrense varias liñas de axuda, entre as que destaca a creada para a realización de xiras polo territorio estatal, epígrafe B1.1. Poden solicitar a axuda intérpretes e/ou agrupacións musicais e a xira deberá constar de polo menos 6 actuacións a realizar en -tamén canto menos- 2 comunidades autónomas distintas da de residencia da formación. A cantidade máxima á que pode optar un intérprete ou agrupación é de 100.000€, que en ningún caso poderán exceder do 65% do orzamento total da xira.

Tamén para formacións musicais existe unha liña de axudas para xiras fóra do estado, epígrafe B.2. Neste caso, os solicitantes deberán probar ter sido convidados a participar nalgún festival ou evento polos organizadores do mesmo. Neste caso, o importe máximo será de 70.000€, sen superar tampouco o 65% do orzamento total do proxecto.

Existe, á súa vez, unha liña de axudas para asociacións sen ánimo de lucro de ámbito estatal, para o desenvolvemento de actividades musicais, epígrafe B.3. A ela poden concurrir asociacións de ámbito autonómico que teñan acordos con entidades análogas doutras comunidades autónomas, para fomentar o coñecemento e intercambio entre as diversas manifestacións artísticas de distintos puntos do Estado. Até un máximo de 80.000€ e sen pasar do 65% do total. A súa vez, ábrese unha outra liña de apoios á organización de festivais, á que poden optar tamén empresas privadas, que busca subvencionar festivais que programen grupos de, canto menos, 3 comunidades autónomas distintas. Até 100.000€ e sen pasar tampouco do 65% do orzamento total.

Ligazón ao texto completo das axudas, no BOE do pasado venres 7. A cantidade total destinada ás axudas, incluídas as axudas á danza, lírica e música, é de aproximadamente 6 millóns de euros.

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.