Onte pola mañá presentouse na Cidade da Cultura a vixésima edición de WOMEX, a maior feira mundial das músicas do mundo, que se celebrará en Santiago de Compostela do 22 ao 26 de outubro. Na rolda de prensa estiveron presentes varios políticos a carón de Antonio Martinez, de Nordesía Produccións, empresa promotora do evento en Galicia e Christoph Borkowsky, presidente de Womex. Segundo os organizadores, agárdase a chegada de máis de 2.000 profesionais da música de todo o mundo. Nos días que dure a feira haberá arredor de 60 concertos en diversos lugares da capital do país.

WOMEX é un encontro profesional para o sector das músicas do mundo, que inclúe unha feira profesional, uns 60 showcases (concertos), atrae a uns 2.500 delegados e 1.260 empresas de máis de 90 países, entre os que hai 800 programadores, máis de 500 selos, editores e distribuidores, así como máis de 300 xornalistas (e 130 emisoras de radio). Ademais, tamén acolle un DJ WOMEX Summit, conferencias e ‘mentoring’ a cargo de 80 oradores e mentores de máis de 25 países; proxeccións de filmes, etc.


WOMEX 14 encherá Compostela de música durante cinco días nos seguintes espazos:

WOMEX Day: feira profesional no recinto do Museo Centro Gaiás, premios, conferencias, networking...

WOMEX Night: os 60 showcases celebraranse durante tres noites en diferentes recintos e prazas da Cidade Vella de Compostela: Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio NovaGalicia Banco e Sala Capitol.

WOMEX leva celebradas 19 edicións por toda Europa (en cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff) e celebrará a súa vixésima edición en Santiago de Compostela, motivo polo cal acollerá unha programación especial.

WOMEX está organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), que tamén é responsable doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo (AME), en Cabo Verde.

Como socio local forma parte da organización Nordesía Produccións. Fundada en 1996, esta produtora foi un dos axentes máis importantes da "world music" en Galiza e na Península. Desenvolveu a súa actividade principalmente no ámbito do management, da produción de eventos e na distribución de artistas internacionais. Presente en WOMEX desde 1997, Nordesía ten un papel destacado na promoción internacional da música galega.

Como entidades patrocinadoras figuran a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e AGADIC, o Concello de Santiago e INCOLSA, e o Goberno de España a través do INAEM. E como colaboradoras están a SGAE, AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais), Clubtura (Asociación de Salas de Música ao Vivo), Músicos ao Vivo, ACCESS (Asociación Española de Salas de Música), a Asociación de Hostelería de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago.

Impacto na música e na economía nacionais

En 2009, profesionais do sector musical co apoio das institucións acordan poñer en marcha unha estratexia destinada a impulsar a internacionalización da música galega e converter Galiza en sede do WOMEX será o primeiro paso. Santiago de Compostela competiu con outras cidades como Dublín, Valencia, Glasgow ou Madrid para organizar esta edición, que conta cun amplo consenso social e sectorial.

WOMEX 14 é un dos máis importantes eventos culturais dos últimos anos no noso país. Trátase dunha grande oportunidade para a música galega, pero tamén para a proxección internacional da nosa cultura e para o posicionamento de Santiago e de Galicia no mundo.

Ademais do valor cultural, o Womex ten un efecto económico e de imaxe na cidade que o hospeda. Segundo os organizadores, as últimas edicións acadaron un impacto positivo no PIB de máis de 2,5 millóns de euros. Ademais, aproximadamente un 80% do custo da produción reverte directamente nas empresas galegas. Por riba, desde a organización apuntan o impacto na imaxe de marca da cidade, do país, do seu tecido cultural e da súa industria musical derivado da visibilidade que produce o impacto internacional da Feira.

Como funciona WOMEX

Para os profesionais da música en Galiza WOMEX pode ser unha grande oportunidade, tanto a nivel técnico como de contidos. Os músicos que queiran participar poden facelo do seguinte xeito:

  1. Presentarse á selección oficial de WOMEX, que é realizada cada ano por un xurado de sete membros destacados da comunidade musical internacional (os famosos 7 Samurais). Os seleccionados actuarán para unha audiencia de actores clave na industria musical global, que inclúe uns 800 programadores de todo o mundo (datos de WOMEX 13). A convocatoria pecha o 18 de abril.

  1. Presentarse ao Atlantic Connections (escenario local), que amosará a escena musical da Península e latinoamericana, conectando as identidades culturais e musicais das distintas rexións. Os artistas destas áreas terán unha oportunidade adicional de conseguir participar nun showcase. Non hai que facer ningunha solicitude por separado. Os non seleccionados para a sección oficial serán automáticamente elixibles para este escenario local, que terá un xurado diferente. A convocatoria tamén pecha o 18 de abril.
  2. Participar no offWOMEX Showcase: os músicos que non foron elixidos na selección oficial nin na selección local e aínda así queren amosar a súa música nun showcase a programadores e outros profesionais, podes facelo no escenario offWOMEX Showcase aboando unha cantidade á organización.

  1. Participando na Feira profesional, á que asisten máis de 2.000 delegados de todo o mundo. Alí poderán reunirse con profesionais do sector a nivel internacional e dar a coñecer a súa música. Hai espazos para o networking, conferencias, filmes e moitas oportunidades para coñecer a todos os actores importantes deste eido.

{fcomments}

AO VIVO

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.