FELIZ 1 DE ABRIL, DÍA DOS ENGANOS!! Hoxe é 1 de abril e facemos 2 anos na rede. Para festexar as dúas cousas, nada mellor que anunciarvos unha nova que estivemos mantendo en absoluto segredo até hoxe, que xa a podemos confirmar. A II Festa GZmúsica xa ten data, lugar de celebración e cartaz. Será en Vigo, o 17 de maio deste ano. No auditorio do parque de Castrelos e con entrada de balde, poderemos gozar da actuación de Flogging Molly, os históricos Papaqueixos, os asturianos La Tarrancha e o galego-francés Manu Chao.
FELIZ 1 DE ABRIL, DÍA DOS ENGANOS!!
O Hío, 1 de abril de 2014. Esta mesma mañá vimos de pechar o acordo co concello de Vigo que nos cede xenerosamente as instalacións municipais do parque de Castrelos para realizar este acto. Non podemos deixar de agradecer o traballo do concelleiro de cultura da cidade olívica e do propio alcalde, -co que mantivemos unha reunión ao máximo nivel durante a festa da Reconquista-, por apoiar e fomentar a música do país.
A presenza dos históricos Papaqueixos, -o seu baixista será probablemente baixa por motivos laborais-, e do galego-francés Manu Chao está máis que xustificada, -así como dos nosos veciños La Tarrancha-, pero en GZmúsica estivemos a lle dar moitas voltas á presenza dunha banda coma Flogging Molly no noso cartaz. Despois de expresarlles as nosas dúbidas á propia banda californiana, eles insistiron na súa presenza e recalcaron as raíces galegas dun dos seus compoñentes, o guitarrista Denis Casey, cuxos avós maternos son de Vimianzo. Ademais, os californianos comprometéronse a preparar 2 versións en galego dos seus temas para o concerto.
Mais nada, nun par de días engadiremos o cartaz e poremos as entradas á venda, ao módico prezo de 5 euros.
{fcomments}