Agora que son xa (case) as 00:00h, -esperemos que Xan Papaqueixos colocase xa as 100 entradas de balde que sorteou no seu FB-, podemos "desvelarvos" o que moitas e moitos cachastes á primeira. Por desgraza, non vai haber Festa GZmúsica con ese cartelazo que correu polas redes...E non é porque non queiramos. O que si é certo é que facemos 2 anos na rede, e que onte foi 1 de abril, o Día dos Enganos no país. Esas 2 cousas foi as que quixemos festexar con esta pequena "brincadeira". Agardamos que non vos enfadásedes moito.
Polo noso segundo aniversario, quixemos unirnos ás celebracións que moitas webs galegas (o Portal Galego da Língua, Vieiros, Amigus, Chuza ou Memoria Pixelada) veñen facendo desde hai uns anos para recuperar unha tradición nosa, que moitas e moitos recordamos de cando eramos cativos pero que na actualidade esmorece en Galiza. O Día dos Enganos. Non así noutras latitudes, Inglaterra, Francia, Italia, etc, onde se mantén vixente. No noso país ultimamente, e como en moitas outras cousas, avezámonos a que estas chocalladas se celebren cando o "marca" a tradición cultural española, ou sexa o 28 de decembro neste caso.
Obviamente, parécenos óptimo quen prefira celebralo ese día. Nós optamos polo 1 de abril...cando os burros van onde non deben de ir!
E perdoade todas e todos os que fostes crédulos e xa estabades abraid@s co cacho concerto que prometiamos...outra vez será!! O peor é quedarmos sen o pregón do Cao...
{fcomments}