A semana pasada presentouse en conferencia de prensa a segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'. Na dita presentación compareceron a concelleira de Cultura do Concello de Teo, Carme Hermida, o secretario xeral de Política Lingüística, o delegado para Santiago de Gadisa, Román Roo, Valentín García, o director artístico do evento, Xoán Curiel e a gañadora da primeira edición, Alba María. Coincidiron unanimemente na necesidade desta iniciativa e animaron a participar xa desde hoxe mesmo a “todos e todas aquelas que teñan algunha canción en galego que cantar”. O prazo de inscrición no certame permanecerá aberto até o vindeiro 29 de marzo.

Pola súa banda, Carme Hermida amosouse orgullosa de poder celebrar tanto a primeira e como esta segunda edición do certame, un proxecto que definiu como “único” no panorama da música en Galicia, xa que ningún ten as características deste. Ademais, indicou que desde o Concello de Teo se senten orgullosos de presentar esta nova edición “porque o resultado da primeira foi espectacular”, afirmou.

 Un EP —xunto co deseño do mesmo—, concertos e promoción destes, así como un ano de cota de socio/a de Músicos ao Vivo son algún dos premios que poderá recibir a persoa gañadora desta segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'. Tamén haberá novidades nos accésits da gala final, entre outras. As bases poden consultarse na web concellodeteo.com

Tal e como afirma Xoán Curiel, tras o primeiro Certame “houbo xente que tamén nos demandou unha segunda edición. Aí vemos que a creatividade está viva e que hai xente que está desexando amosar o que fai”, remarcou o artista.  O director artístico do proxecto tamén lle agradeceu ao Concello de Teo que crese na iniciativa desde o inicio e que dea “espazos, apoio e cariño” ao Certame. Asimesmo, deu as grazas á Xunta de Galicia e a Valentín García como secretario xeral de Política Lingüística, así como a Gadisa, por faceren “que este soño, non só meu, senón tamén de moitos novos creadores, poida ter lugar”. Neste senso, tanto o secretario xeral coma Román Roo, delegado para Santiago de Gadisa, concordaron no acerto da colaboración co dito Certame.

 Ábrese a inscrición

Desde hoxe mesmo e ata o vindeiro día 29 de marzo está aberto o prazo de inscrición para poder participar neste II Certame de Canción de Autor en Galego 'Concello de Teo'. Poderán participar as persoas que xa estiveron no certame o ano pasado, agás a gañadora, así como todas aquelas que o desexen e non teñan ningún material sonoro editado. As cancións deben ser inéditas e en galego. Xoán Curiel tamén apuntou que calquera estilo musical está permitido e “gustaríanos que chegasen moitos novos instrumentos”.

O xurado deste ano estará composto pola concelleira de Cultura do Concello de Teo, Carme Hermida, a prensa musical especializada estará representada na persoa de Juan Torreiro, mentres que Inés Portela representará as produtoras musicais galegas desde a súa empresa Mada Producións e como artista participará Najla Shami.

Ilusión e esperanza

Alba María, gañadora da primeira edición, viviu o certame “con moita ilusión e con moita esperanza”. Como cantora e estudante de filoloxía galega valora moito que “alguén promova a música galega e en galego”. Ademais, indicou que o Certame lle permitiu lanzar a súa carreira e comezar “dun xeito máis fácil” do que moitas artistas galegas tiveron. “Presta saber que aquí neste país aínda se pensa, crea, canta e conta e saber que hai quen aínda aposta por isto”, subliñou.

Para Carme Hermida, Alba é “un magnífico exemplo dos resultados destes certames para axudarlles a subir varios chanzos de golpe ás persoas que está empezando”. Poder axudar a unha persoa nova coas cualidades e potencialiades que ten Alba “é bo para ela, para a cultura galega, para a lingua galega, para Galicia e para a cultura universal”, apuntou a concelleira.

A gravación dun EP de 4 ou 5 cancións e 20 ou 25 minutos de música, será un dos premios do Certame. Para a mellor realización, a gañadora ou gañador terá ao seu dispór un deseñador gráfico. Con todo, “o premio non é só gravar algo”, senón que tamén cómpre ter en consideración a promoción, varios concertos, unha xira —xunto coa súa promoción en prensa— e outros obsequios, como un ano de cota de socio/a de Músicos ao Vigo. “Queremos que o premio sexa unha plataforma de lanzamento”, remarcou Xoán Curiel. Como novidade, o público poderá dar dous accésits, sendo un deles á mellor canción —e non á canción orixinal.

A cuadratura do círculo

Carme Hermida agradeceu a presenza e a colaboración de Política Lingüística e Gadisa, que xunto ao propio Concello forman os “tres piares de apoio económico” do Certame. A responsable teense de Cultura afirmou que desde o consistorio se amosan “orgullosos” e indicou que esta colaboración representa a “cuadratura do círculo”. Neste sentido, fixo fincapé en que a meirande empresa pública galega, a Xunta, unha empresa pública pequena, como o Concello de Teo e a “grandísima” empresa privada Gadisa colaboren de novo xuntas. Agradeceu tamén a grande parte artística que no proxecto achega Xoán Curiel.

Desde o seu punto de vista, o delegado para Santiago de Gadisa, Román Roo, afirmou que cando a Gadisa cando se lle propón participar nun patrocinio “sempre valoramos moito que sexa unha iniciativa que dalgunha maneira teña calado na sociedade galega, porque consideramos que formamos parte dela”. Indicou ademais que “é unha maneira de devolver parte dos nosos beneficios”. Deu á noraboa á organización e ao Concello “por creren no proxecto”, e tamén trasladou os seus parabéns a Alba María. Finalmente, dixo agardar “unha alta participación” e deu as grazas a Valentín García “porque somos co-colaboradores”, concluiu.

Para o secretario xeral de Política Lingüística, é “sumamente gratificante” que un ano máis se presente “unha iniciativa na que debemos estar”. Ao respecto, Valentín García indicou que a programación de actividades lúdicas está moi diversificada e “chama a atención esta iniciativa” porque, se ben hai certames de canción de autor, “este é o único que ten a lingua galega como eixo vertebrador do seu desenvolvemento”.

Neste sentido, indicou que “se queremos chegar á xuventude, temos que facelo polos medios que ela manexa”. Valentín García indicou que “pola colaboración que Teo sempre presta ás actividades que programamos desde Política Lingüística, “estamos tamén un ano máis patrocinando este proxecto”.

O secretario xeral indicou que “debemos felicitarnos pola colaboración entre administracións de distinta natureza”, entre as que destacou a “capacidade social de Gadisa e a iniciativa interesante e que ten un impacto social positivo como é o dito Certame. Ademais, felicitou a Xoán Curiel e Alba María e concluiu indicando a súa satisfacción porque e convoque e afirmando que “está garantido o éxito”.

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.