Pouco se ten falado dos gaiteiros do mar. A frase é do Peix de Aldán e dela naceu a idea de gravar un documental sobre eles, eses mariñeiros-gaiteiros que nos anos 60 e 70 embarcaron cara ao Gran Sol, Namibia ou Terranova nos pesqueiros galegos. Atrás do proxecto está a cabeciña incansable de Xurxo Souto, que matinou no documental despois da isca prendida polo Peix e da descuberta marabillosa dunha cinta de casette gravada a bordo do Ría de Aldán, en pleno Gran Sol. GZmúsica tamén se enrolou nesta aventura que hoxe, martes de entroido, comeza a gravación en Nerga, en pleno Entroido do Hío.

O noso país sempre tivo unha relación fundamental, matricial, con Ultramar. Nomeadamente no eido cultural, e desde logo non só nel, as comunidades galegas en América –Cuba, México, Arxentina, …- mantiveron o facho aceso cando os avatares políticos impedían facelo na Galiza. Xa todas as persoas teñen ouvido falar da estrea do Himno Galego na Habana, da publicación –entre moitas outras obras- d’A Esmorga en Buenos Aires, etc.

Porén, o que se coñece menos son as andainas desoutra comunidade galega, decote esquecida até para poder exercer os seus dereitos cidadáns. Os embarcados, os mariñeiros, aqueles que andan ao mar na altura e aos que se teñen achegado poucos autores e sempre dun xeito máis ou menos tanxencial. Desde fóra dun mundo pechado aos estraños. No entanto, libros como o Follas de bacallau de Xabier Paz ou o recente Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto si deitan luz sobre un mundo marabilloso e salvaxe que permanece agachado para a maioría das galegas e galegos. Precisamente, neste último libro descubrimos un outro deses capítulos fantásticos e olvidados que tecen a historia non contada da nosa xente. Trátase dos gaiteiros do mar. No petate dos mariñeiros galegos, como tamén aconteceu coas malas dos emigrantes, coouse o instrumento senlleiro da nosa música moitísimas veces. Así, os habitantes de Saint-Pierre-et-Miquelon, pequeno arquipélago francés próximo a Terranova, teñen asistido con abraio ás procesións festeiras deses estraños mariñeiros españois que chegaban durante o século XX atrás do bacallau.  Encabezándoas sempre, a cornamusa enchendo o aire xélido das costas norteamericanas co seu son. Tamén o escoitaron en Walvis Bay, en Namibia, onde un gaiteiro do Morrazo tivo que montar –e facer soar- a gaita na alfándega perante as dúbidas dos funcionarios, que vían unha arma e non un instrumento naqueles tubos longos de madeira. E sen ir a latitudes tan afastadas, nas illas Canarias por exemplo, aínda é lembrada a tremenda esmorga que armaron os mariñeiros do Mar Maior, atracado no Porto da Luz, cando recibiron abordo a visita dun gaiteiro enrolado nun barco onubense mais veciño coma eles do Morrazo.

Situámonos trinta e tantos anos atrás, no mar do Carburo, un deses lugares do Gran Sol como A Volta do 52, O Zapato, O Sindicato,… aos que lles puxeron nome os primeiros en ir aló pescar, isto é, os galegos. Abordo do Ría de Aldán acontece un feito histórico. Manoliño de Donón, gaiteiro; Feliciano de Donón,  tamboril e Manuel Martínez Santomé, bombo, gravan Nos mares do Gran Sol. Un “long-play” (nas súas propias palabras), recollido de xeito artesanal nunha cinta de casette na que se escoita ao carón do son dos instrumentos, o bruído das máquinas do barco. E arroladas polo chunda-chunda do motor, nesa casette van aparecendo pezas tradicionais dese epicentro da música tradicional que son as parroquias do Hío e Aldán. Músicas festeiras, propias do antroido moitas delas, que traían acougo nas longas noites das marés do Gran Sol. En palabras do propio Manolo de Donón, habendo abordo unha gaita e pementón para as caldeiradas, a maré levábase doutra maneira.

A principios de ano, os gaiteiros do mar foron homenaxeados en Vilariño, na parroquia do Hío. Alí xuntáronse os devanditos xunto a Lito de Pinténs e ao Peix de Aldán, congregados todos para a ocasión polo propio Xurxo Souto, descubridor para os terrícolas deses músicos mariñeiros.  No Local Social da aldea os gaiteiros do mar tocaron de novo xuntos para os amigos e veciños que se achegaron. Alí escoitaron todos Nos mares do Gran Sol, que no seu son sucio atesoura o recordo dun tempo aínda cercano no que a gaita galega se enrolou nas parellas do bacallau, nos barcos do Gran Sol ou nos cefalopodeiros para espallar a nosa música polos portos e océanos do planeta.

Mais a historia non remata aí. Manoliño de Donón e Lito de Pinténs confesáronlle a Souto a mágoa que tiñan de non ter tocado xuntos no Entroido do Hío. Hai agora 41 anos, ían tocar por fin nesa meca dos gaiteiros do país mais tiveron que embarcar. E tocaron en Terranova -o Lito- ou no Gran Sol e Namibia -o Manolo- pero nunca deron tocado xuntos no Carnaval das súas aldeas. O músico coruñés leva desde que llo contaron argallando para eles tocaren por fin no Hío e hoxe farano despois dunha tentativa frustada polos seus traballos hai uns anos. E vano facer en Nerga, estrada de vello rigorosa cos gaiteiros que aló exhibían a súa mestría coas mellores pezas. Alí estaremos nós axudando na gravación desta homenaxe aos gaiteiros do mar, que moi logo será documental.

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.