A maioría das persoas que gostamos da música galega -até moitxs que nin iso- temos cantado nalgunha ocasión o Falemos galego. Inmortalizada por Suso Vaamonde ou A Roda, esta composición adoita ser das máis escoitadas en sobremesas e festas varias do país. A pasada fin de semana estivemos en Bon a escoitar o tema, que malia pertencer xa ao acervo popular realmente é de José Diz, membro da comparsa Os Mulos de Bueu. Aquí os están, Os Mulos de Bueu mais a comparsa Vou nun bou, interpretando este clásico da nosa música.

O remate do entroido de Bueu sempre é na aldea de Bon. Neste lugar da parroquia de Beluso xúntanse o domingo despois do entroido varias comparsas para ir cantando polos bares. Aquí tedes as comparsas Os Mulos e Vou nun Bou interpretando "Falemos galego". Dentro dos integrantes dos Mulos está José Diz, autor da letra orixinal deste coñecido tema. A canción popularizouse moito entre a mocidade de Bueu e ao parecer algún destes mozos, mentres facían o servizo militar en Ferrol, foi o que lla cantou a Suso Vaamonde, encargado despois de inmortalizala. 

{fcomments}