O Cantautor punk de Matamá Leo i Arremecághona é o protagonista dunha nova sorprendente. Un vídeo dunha súa actuación en Compostela subido hai uns días á rede valeulle o recoñecemento como a mellor versión dos Clash de todos os tempos, por parte dos propietarios dos dereitos de todas as cancións dos Clash, unha multinacional anglosaxoa. O Seu Vil-Lingüismo Harmónico, cover do Should I Stay, Should I Go, foi o responsable. No que semella unha manobra de marketing ao mellor estilo "Enrique Iglesias", prevese desembarco no país de inxentes cantidades de punks cincuentóns de todo o mundo.

As vidas das persoas mudan de xeito inesperado, ás veces en cuestión de horas... incluso minutos. Algo así aconteceulle ao cantautor punk O Leo i Arremecághona. Pouco despois de ser anunciado nas redes sociais o derradeiro disco dos Das Kapital recibía un mail deses que nunca tería pensado ir recibir. A principios de ano, Fools' Day Corporation, propietaria dos dereitos de The Clash, encargáralle a Mick Jones e á familia do finado Joe Strummer buscar nas redes sociais "a mellor versión dos Clash de todos os tempos". Eis o motivo do mail. Un vídeo subido á rede o pasado 7 de marzo, dunha actuación do Leo na Asociación Itaca de Compostela caera nas mans de Jones. Nunha entrevista a Monkey Press,o  guitarrista dos Clash afirmou que "teño visto moitas boas bandas punk versionándonos...tamén moita morralla" pero aínda non atopara "algo diferente". E ese foi O Leo. Ademais, Xabier, un coruñés emigrado que serve cafés no Allison's, deulle a Jones o contexto. "Xabier é un bo amigo", di Jones. "Fai moi ben os cafés e resulta que sabía quen era O Leo". El foi quen lles explicou a conexión entre o célebre retrouso dos Clash e a proverbial maneira de ser dos galegos. "É amazing", continúa Jones, el sempre pensara que por "aí abaixo, España, Portugal, Catalonia e toda a ensalada que teñen xusto alí" todo era sol, touros e praias pero non. "Documenteime e non é así", remata.

A decisión, no fondo, "foi doada", en palabras do propio Mick Jones. Había tanta "merda" que lles foi complicado atopar un punk de verdade, engade. Mais cando ollamos O Leo tivémolo moi claro, sentencia.

E agora, que?

A idea de FD Corporation e do propio Jones é facer algo para homenaxear O Leo e a Galiza, "dixéronnos os de Universal Music que era doado pillar cacho alí". A idea do videoclip xa está pillada, polo que Jones se decanta "por un macro-concerto". A Cidade da Cultura sería o marco idóneo, engade. "Sabemos do ben que pegan nese lugar bandas como Carmiña Burana" e a idea sería mesturar artistas dese calibre -rumoréase sobre a posible presenza dos Tis Che Tein- xunto a grupos do país. Mais todo isto está aínda "moi lonxe", "primeiro hai que entrarlles aos da Xunta", confésanos. Polo de agora, só queremos coñecer O Leo e propoñerlle a nosa idea, remata o guitarrista. Iso si, québraselle a voz ao albiscar unha peregrinaxe de punks de toda Europa cara a Compostela. "Unir o concerto coa idea da peregrinaxe pode ser efectivo", sinala, "ademais, seguro que así é máis doado acadar financiamento".

Estupor e desconfianza por parte do Leo

Pola súa banda, O Leo manifestou en declaracións en exclusiva a GZmúsica que a noticia lle causou "estupor". "Eu ao tema póñolle corasón", continúa. Mais tamén confesa que nunca pensara nada así. "Non deixa de ser unha honra que recoñezan o teu traballo, mais a mirar que pasa, que estes son unha multinasional e xa sabemos a que veñen", engade cauto. Iso si, non nega que lle faría ilusión compartir escenario con Mick Jones, pero "sobre todo" con Carmiña Burana, se finalmente vai avante o concerto. Os galegos debémoslle moitas cousas a Pérez Varela, salienta O Leo, pero nada "comparable a nos dar a coñecer a figura de Carmiña".

Este é o vídeo que o desencadeou todo:

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.