Fixemos 3 anos e imos celebralo da maneira máis lóxica para nós. Concerto e festa rachada! Será o 25 de abril no Aturuxo de Bueu, cos 3 Trebóns e A Familia Caamagno ao vivo no escenario do histórico local de Bueu. As entradas custan 6€ en adiantada e 8€ en billetaría. E se es unha das primeiras 30 persoas en mercar entrada adiantada, tes regalo seguro: unha camisola de GZmúsica.

O pasado 1 de abril festexamos o noso terceiro aniversario. Máis de mil días converténdonos nun altofalante para a música galega que se fai, canta, pensa e sente en galego. Para nós non pode ser doutro xeito. Por volta de 700 artigos subidos á web, milleiros de fotos e vídeos. Máis de 50 discos para descargar de xeito totalmente legal na nosa Zona de Descargas e unha Axenda na que xa anunciamos máis de 2.000 concertos. E desde hai dous anos contamos cun brazo político-televisivo, GZmúsica TV, do que xa se emitiriron vinte e pico programas tanto en internet coma en varias televisións locais galegas, Vía TV, Nós TV, Canal Rías Baixas e Localia Vigo, canle coa que moi probablemente sigamos colaborando neste 2015, na que será a terceira temporada do noso programa de televisión. 

Porén, seguimos a ser un medio pequeno, feito de xeito totalmente desinteresado por un grupo de persoas namoradas da música do país. Non temos grandes números de visitantes -nestes 3 anos tivemos 75.000 visitantes únicos, con case 300.000 páxinas vistas- mais estamos no TOP100 de Alexa.com para as webs galegas, no posto 75 -dato actualizado a 6 de abril de 2015-, e somos a web galega dedicada á Cultura mellor colocada nese directorio de Alexa, por diante de webs oficiais coma culturagalega.org ou agadic.info.  

E para festexar estes 3 anos de andaina, nada mellor ca un concerto. Será o 25 de abril, no Aturuxo de Bueu -escollido Mellor Local nos Premios Galegos da Música- e con dúas bandas potentísimas. Abrindo o concerto, os 3 Trebóns. Historia viva da música do país, Amil, Antón e Souto son 3 dos músicos aos que máis lles debe a música galega. Despois do Bravú XX Aniversario do 2014, que mellor ramo que traer até a festa de GZmúsica a banda que mellor representa ese movemento. E para rematar, A Familia Caamagno. Os de Sigüeiro son sen dúbida unha das revelacións da música galega nos últimos anos. Un directo potentísimo, unha aposta polo rock clásico, con aires surfeiros e letras saborosas para acabar a festa. 

Lembrade, o 25 de abril no Aturuxo de Bueu. Entradas adiantadas a 6€ e a 8€ na Billetaría. As entradas estarán nos puntos de venda físicos, Aturuxo en Bueu e A Fonte do Galo en Cangas, a partir deste venres 10 de abril, mais podes xa mercalas on-line en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. As 30 primeiras entradas en adiantada levan premio, unha camisola de GZmúsica para seres a/o máis guapa/o da festa!!

{fcomments}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.