Até o 26 de abril podes votar na web dos Premios da Música Independente entre as distintas propostas finalistas das doce categorías sometidasá votación popular nestes premios. No que atinxe á música galega, as bandas finalistas no apartado de mellor álbum en galego de 2014 son Guadi Galego, Xoán Curiel, Why Go, Terbutalina e Sub Rosa. Os gañadores daranse a coñecer o 11 de maio nun acto en Madrid.
A Unión Fonográfica Independente española desvelou a finais da pasada semana os finalistas dos Premios da Música Independente. Como vén facendo desde hai 7 anos, esta asociación que agrupa Pemes relacionadas coa industria musical organiza estes premios para dar a coñecer e pór en valor a produción musical independente en todo o estado. E como tamén é xa tradición, un dos galardóns será para o mellor álbum en galego de 2014. Nesta categoría as propostas escollidas polo xurado foron o Lúas de outubro e agosto de Guadi Galego, Vagalú de Sub Rosa, A muerte de Terbutalina, Kara de Why Go e Estamos no verán? de Xoán Curiel. Até o 26 de abril está aberto o prazo para o público poder votar polas súas bandas preferidas nas doce categorías abertas á votación popular. Outras catorce categorías serán decididas por un xurado.
Entre os finalistas doutras categorías, concretamente na de mellor álbum do ano, aparecen os tamén galegos de orixe, aínda que plenamente inseridos na música e cultura españolas, Novedades Carminha. Hai oco tamén en varias categorías para Vetusta Morla, quen tamén gardan relación co noso país pois traballan coa empresa galega Esmerarte, ao igual que Novedades, o que ten levado a Vetusta curiosamente en varias ocasións a ser a banda máis subvencionada pola Xunta no programa de axudas para a difusión da nosa cultura no exterior.
{fcomments}