Despois do éxito das edicións anteriores, este Nadal voltan as Noites de Luz á cidade da Coruña da man dos argallantes Chotokoeu. As Noites de Luz son un evento con músicas do mundo que chegará, nesta edición, ao Garufa Club. A banda galega FanfarriaTaquikardia e os internacionais Pan de Capazo serán os encargados de ateigar de folk internacional a noite do 5 de decembro.
Este ciclo de concertos (que xa vai pola súa 4ª edición) ten como promotores á banda galega Chotokoeu, que explican así o porqué de Noites de Luz: “En 5 anos viaxando coa banda vas vendo moitos concertos e descubrindo grupos de Galicia, de España e de Europa; e hai moi boa música, pero hai algúns artistas e grupos que teñen algo máis, unha xenialidade que emociona. Facemos Noites de Luz para traer á casa a algúns destes xenios que todo o mundo debería desfrutar”.
Este é o caso de Pan de Capazo, que con 3 discos gravados.
-un deles seleccionado entre os 20 mellores do 2008 a nivel internacional por RNE- xa levan percorrido a meirande parte da península e países como Holanda, Bélxica, Alemania, Francia, Noruega e Dinamarca, cun repertorio repleto de músicas de Europa do leste. En canto a Fanfarria Taquikardia, trátase dun dos mellores grupos instrumentais do panorama musical galego. Coa súa enerxética e coidada música chea de ventos, conseguen trasladar ao público aos Balcans, engadindo boas dosis de humor e retranca galega.
Noites de Luz preséntase como un espectáculo cultural de calidade máis aló das tendencias comerciais, con prezos asequibles para que todo o mundo se anime: 6 euros anticipada e 10 euros en taquilla.
5 de decembro // Sala Garufa Club (Coruña) // 22.00 horas
Venda anticipada:
-A Repichoca, rúa Orillamar 13
-Bar Reventón, rúa Orzán 11
-Barbería, rúa Orzán 15
-Villatuerto, praza das Atochas 3
-Garufa Club, rúa Comandante Barja 5
+INFO no evento de Facebook das Noites de Luz
{fcomments}