O IES Marco do Camballón de Vila de Cruces presenta o Proxecto Rock GZ para coñecer e promover a música galega actual. Mañá xoves 9 de febreiro hase inaugurar unha exposición sobre os festivais Castañazo Rock e Cruceiro Rock. Ademais, haberá outras actividades como charlas, audicións, etc. co obxectivo de lles dar a coñecer o rock galego do século XXI ao estudantado.

O IES Marco do Camballón e o seu inquedo Clube da Lingua xa teñen contado noutras ocasións coa música galega dentro do seu traballo de normalización e fomento da lingua. Desta volta, varias alumnas e alumnos do centro botan a andar o Proxecto Rock GZ.

Mañá, quinta-feira 9 de febreiro, às 11.30, inaugúrase unha exposición sobre dous dos festais de música en galego máis importantes: O Castañazo Rock, de Chantada, e o Cruceiro Rock, das Cruces. Esta exposición reúne material –paneis informativos, cartazes, camisolas, CDs…- cedidos polas asociacións que organizan os dous festivais senlleiros.

Lola, Marga, Aarón, Rubén e David organizan o Proxecto Rock GZ

A exposición fai un percorrido desde o nacemento do Rock Bravú, nos anos noventa do pasado século até estes tempos onde activistas das Cruces e Chantada impulsan os seus festivais locais. O propio alumnado de 3º PMAR elaborou unha guia didáctica da exposición para traballar o tema nas aulas.

O Proxecto Rock GZ intenta promover a música en galego através de diferentes actividades, como charlas e audicións. Unha desas charlas será a cargo dun pai, Bienvenido Carballa, sobre a música popular no século XX; outra, a cargo de membros do Cruceiro Rock, sobre o festival local.

Tamén se organizará un Concurso de Aturuxos, e o primeiro premio será unha dúcia de chourizos.

Ademais, o alumnado está a coñecer, através de inquéritos, os hábitos musicais da comunidade educativa. Nesta actividade un dos obxectivos é coñecer protagonistas da creación musical galega, vinculando artistas como Marisol Manfurada, Pinto de Herbón, do movimento bravú e regueifeiros, Xoséfa de Bastavales, ou Sés ou Malandromeda coa dinámica de fomento da lingua do IES cruceño.

FOTO: Facebook do Clube da Lingua

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.