O cantante dos Ruxe Ruxe e responsable do Planeta Furancho da Radio Galega, Vituco Neira, fala para culturagalega.org sobre o que supuxo o 2012 para a música do país. Como é costume, desde o portal do Consello da Cultura Galega fan un repaso por todos os eidos da cultura do país e desta volta escolleron o frontman dos Ruxe para analizar a situación da nosa música nestes tempos de crise.
Extractamos para vós o que lle contou Vituco á xente de culturagalega.org. Aquí podes ler o artigo completo, Crear en 2012(I), primeira de dúas entregas nas que o portal do Consello da Cultura repasa os distintos campos da produción cultural de noso. Neste primeiro artigo, analízase a situación da literatura, -da man de Dolores Vilavedra-, a banda deseñada, -con Henrique Torreiro-, e a da propia música.
Isto é o que falou V. Neira para culturagalega.org. De premeres nos nomes dos grupos, poderás ler/ollar algún dos artigos ou vídeos das bandas citadas en GZmusica.com.
O talento suple os cartos
“Dise que en momentos de crise, a necesidade agudiza o enxeño, e no campo da música isto semella ser certo”, sinala Vituco Neira, responsable do programa Planeta Furancho na Radio Galega e integrante dos Ruxe Ruxe, “están a saír moitas cousas boas, os grupos cada vez tocan vez mellor e o discos están mellor producidos”. Malia á crise propia do modelo discográfico, non deixan de saír álbums, e a autoedición semella afianzarse non noso panorama musical. “A xente ten máis formación, hai vinte anos non había tanta xente que controlase de son, e mesmo as posibilidades para aprender a tocar instrumentos eran menores. Hai moito talento, e sábense aproveitar moi ben as posibilidades que achega a informática á gravación e á produción”, apunta, defendendo mesmo que as novas tecnoloxías mesmo poden facilitar un mellor resultado final mesmo sen gravar en estudio. “Eu mesmo teño gravado discos en estudio moi bos, pero hai que o facer a toda velocidade porque pagas por tempo e normalmente vas cos cartos xustos. Con estas ferramentas podes traballar na casa e obter un son case profesional, e ademais gañas o tempo que lle podes dedicar ao disco, tes todo o tempo que precises, e entón iso pode ser moito máis valioso do que meterse nun estudio a fume de carozo”. E pon como exemplo o disco de debut de Skarallaos. “Gravouno o saxofonista na casa e chamoume a atención o ben que soaba, ten un son espectacular”.
Debuts e regresos
Entre os lanzamentos do ano destaca lanzamentos como o último de Zënzar, “que conseguen manterse de actualidade e mesmo tirar un dos mellores discos dos seus 25 anos de traballo, que ten moito mérito”. Fronte a estes veteranos, destacan debuts como de Terbutalina, “foron unha auténtica sorpresa, un grupo cunha grande autenticidade no seu xeito de ser e de se enfrontar ás cancións. Na mesma liña, tamén está o primeiro disco de Familia Caamagno, que amosa un grande nivel. E tantos outros que de certo me esquecen e polo que lles pido desculpas”. Como unha tendencia particular deste 2012, Neira apunta “os retornos”, que marcaron en boa medida a actualidade musical. “Os Cempés retornaron aos escenarios e sacaron un disco. Os Resentidos, voltaron con disco tributo incluído. Os Heredeiros da Crus cun directo e o proxecto dun disco en marcha, e ata Os Diplomáticos, que se reuniron o pasado novembro no Castañazo Rock e compartiron escenario con outras dúas referencias do Bravú, Os Papaqueixos e os Rastreros”. E é que semella que a innovación non está rifada coa nostalxia na música galega actual. Outra característica que pode facer lembrar este 2012 foia proliferación de iniciativas de Crowdfunding na música galega. Desde o xa mentado Tentemozo dos Cempés ao segundo compilatorio Galicia Bizarre ou, máis recentemente o Son Brasilego de Sergio Tannus, “´eunha fórmula que abre moitas portas para paroducir discos, unha opción para que o grupo poida vender o disco por anticipado, que ó que se fai na maioría das veces”.
Situación ao vivo
Como contraste ao optimismo creativo, Neira recoñece que no campo da música ao vivo están a se dar importantes transformacións que non son necesariamente positivas. “Os festivais están reubicándose un pouco e buscando o seu sitio. As cousas están complicadas e déixase notar a crise, aínda que cada vez hai máis público, hai tamén menos cartos. Antes había eventos que con pór unha barra e vender camisolas podían cubrir os gastos, e iso agora xa non acontece”. No entanto, semella que de novo a necesidade agudiza o enxeño, e que pode haber mudanzas de importancia no sector. “Está a se traballar nunha xuntanza de festivais, hai preto de 18 que están a traballar para ver se hai xeito de pór cousas en común e tirar situacións vantaxosas ao negociar con compañías de son ou para a contratación. Temos que ser conscientes que moitas destas iniciativas non deixan de ser proxectos altruístas de asociacións e colectivos e que grazas a eles a música do país sobrevive”. En escenarios máis pequenos, o locutor pensa que o panorama é máis positivo, malia ao feche dalgunhas salas. “Mantéñense nomes míticos e van aparecendo espazos novos. Hoxe o punto forte da música está nos bares e nos pubs, é unha escena que está a funcionar moi ben e son os mecenas reais da música, quen lles permite aos grupos novos ter onde tocar”.