En GZmúsica tentamos facer un Anuario da música galega 2012 e finalmente todo quedou en tentativa fallida. Nese traballo íanse incluír unha serie de entrevistas con persoas vinculadas á música do país, que como xa están feitas, decidimos publicar na rede. Irémolas subindo á web decote ao longo dos vindeiros días. Comezamos con Vituco Neira, cantante de Ruxe-Ruxe e responsable do Planeta Furancho da Radio Galega. Así viu el o 2012.



GZm – Que tal o 2012? Os Ruxe sacastes disco novo e ti no plano persoal segues no Planeta Furancho. Satisfeito das 2 cousas?

Vituco – Pois si, Ruxe-Ruxe sacou traballo novo neste 2012 e ademais comezamos a traballar en novos proxectos moi interesantes e cargados de futuro para o grupo.  Nese sentido o 2012 foi un ano de moito proveito para ruxe ruxe. En canto ó Planeta Furancho tamén foi un gran 2012 no que, sobre todas as cousas, disfrutamos dun feixazo de novos traballos discográficos que nos tiveron totalmente tolos  e fascinados ó longo de todo o ano.

GZm – O disco presentouse na Capitol cun cheo absoluto. Que tal foron as vendas e/ou descargas do traballo?

Vituco – Na presentación da Capitol tivemos un apoio moi grande e emotivo de moita xente que ten aprecio á banda e ese día quedará marcado a ferro na nosa memoria. Despois o disco vendeuse o xusto como nos ven acontecendo dende fai uns anos. Non nos podemos queixar pois as cifras sempre superan o agardado e dende logo que xustifican que continuemos sacando discos no formato físico. En canto ó tema das descargas temos que decir que funcionan de maneira espectacular pero outra cousa é que toda a xente que descarga escoite de verdade o traballo.

GZm – Hoxe en día a inmensa maioría das bandas galegas optades por poñer en libre descarga os vosos traballos, agás quizais no mundo do folc e a música tradicional. É o camiño? Por que cres que na música de raíz non se fai tanto isto coma no rock?

Vituco – Mira cada un ten que facer as cousas á súa maneira. Nós levamos dende o 2004 poñendo os nosos discos en descarga de balde nas nosas webs e francamente non lle vemos namais que vantaxes. Os discos vendéronse igual pero a xente que escoitou as cancións multiplicouse de maneira enorme. Nós o que queremos é que a xente escoite e despois se lle presta pois xenial. A quen lle presta de verdade despois merca o disco e achégase ós concertos.

GZm – Este 2012 foi un ano de re-estruturación na música. Menos festivais, menos concertos en xeral para as bandas. Afectouvos moito? Hai futuro?

Vituco –  Claro que hai futuro. Son tempos efectivamente de re-estruturación como dis pero cargados de enerxía e raiba. Hai modelos que temos que mudar. A maneira de facer as cousas ten que cambiar pero a música en directo non vai desaparecer. Probablemente haberá que cadrar contas, cachés, reaxustalo todo de novo e facer as cousas con máis viabilidade. Haberá crises económicas, políticas e todo o que queiras pero a música de verdade, a arte e a cultura de base están moi por riba de todos estes asuntos.

GZm – Un mercado totalmente inexplorado pola música galega é sen dúbida o portugués. Por que cres que en xeral acontece isto? E no voso caso, cales son os motivos polos que nunca destes o paso de tentar entrar aí?

Vituco – Pois si que semella un mercado natural para as bandas de aquí pero o certo é que no eido do rock non acaba de funcionar esa ponte. En canto a nós teño que decir que nunca exploramos ningún mercado. Nós fomos sempre a onde nos chamaron sen ter nunca demasiados plans de conquista. Impórtanos tres carallos.

"Claro que hai futuro, pero hai modelos que temos que mudar. A maneira de facer as cousas ten que cambiar pero a música en directo non vai desaparecer."

GZm – Ides para 17 anos de andaina, moitos discos editados,...quédalle gasolina a Ruxe-Ruxe? Cales son os plans a medio prazo da banda?

Vituco – Nunca se sabe o que pode acontecer pero de entrada non temos ningunha ansia de parar e non sentimos ningún tipo de desgaste nin  a nivel persoal nin musical. Aínda estamos aprendendo e disfrutando de cada experiencia, de cada concerto e de cada proxecto que se nos presenta como se fose a primeira vez. En canto ós plans temos que decir que ruxe-ruxe sempre ten plans e sempre estamos enguedellados en novas cancións e novas liadas asi que pronto teredes novas nosas. Nestos case 17 anos nunca paramos de ensaiar nin un mes. O segredo é que nos presta moito e que somos tan fodidamente egoístas que para sacarnos do local de ensaio hai que chamar ós antidisturbios.

GZm – Entrando no plano persoal, manteste á fronte do único programa da radio pública dedicado ás músicas do país. De 48 horas ao día de radio entre a RG e a RG música, -e alén do eido folc-, só 1 é en exclusiva para a nosa música. Non hai máis demanda ca esa? Hai datos de audiencia do Planeta Furancho?

Vituco – Eu o que creo é que a música deste país necesita de altofalantes e tamén creo que nos medios públicos, e tamén nos privados, non se lle dá a atención e a difusión que necesita, e que se merece, á música e á cultura do país. Dende o meu ponto de vista na Rg necesítanse máis programas musicais que dean cobertura e voz a toda a diversidade músical que se fai no país e dende logo que a Radio Galega Música semella unha plataforma inmellorable para facelo.
En canto ás audiencias tampouco creo que sexan elas quenes teñan que secuestrar e marcar as liñas e os contidos de todas as programacións. O termo “audiencia”, así a secas, igual é demasiado bruto e inconcreto pois hai moita xente e moi diversa do outro lado que pode disfrutar e engancharse a todo tipo de contidos sen que sexan necesariamente de “máximo interese” senón estariamos tod@s a todas horas vendo programas de corazón a e fútbol. Eu tamén son audiencia potencial e precisamente non conecto con ese tipo de contidos.  
En canto a audiencia do Planeta Furancho nunca tiven demasiado interese en coñecer ese tipo de números así que non che podo decir. Eu creo que o programa funciona moi ben e se me baseo nos mails, na vida nas redes soiais e do que acontece arredores do programa pola rede pois penso que funciona moi moi ben. Pero igual resulta que ó final namais somos catro gatos.

GZm – Tantas horas de radio teñen que dar para moito. Cóntanos por favor o mellor momento, -se queres, tamén o peor-, deste 2012 no Planeta Furancho.

Vituco – Aínda que soe a tópico asegúrovos que todos os momentos son absolutamente bos e altamente reconfortantes. É un verdadeiro pracer e unha honra ben grande ter a posibilidade de poder conectar cada noite con tanta xente e sobre todo poder disfrutar da cantidade e calidade da música do país feita por galegos e cantada en galego. Un orgullo total.
Os momentos malos deste 2012 viñeron marcados pola perda de xente moi próxima ó Furancho que sempre estaba aí do outro lado sintonizando. Sair a facer o programa sabendo que esa noite hai xente que xa non te vai escoitar é un pau moi fodido de levar.

GZm – Antes preguntabámosche se os Ruxe aínda teñen algo que dicir...E ti? Aínda tes corda? Se os Ruxe parasen, veríaste comezando de volta con outra banda?

Vituco – Eu estou coa enerxía, co optimismo e coa raiba necesaria para continuar zoupándolle a guitarra e ouveando polos palcos mentres á xente lle interese escoitarnos. E dende os meus adentros estou totalmente convencido de estar na mellor banda do mundo para mín. Estou moi a gosto e no me plantexo facer nada fóra de ruxe-ruxe. A vida dá moitas voltas e non sei o que pasará nun futuro pero de momento as miñas enerxías músicais teñen de donos ós meus compas de ruxe.

GZm – E xa para rematar, estámoslle a facer a mesma pregunta a todas as persoas coas que falamos para esta Análise do 2012. Dinos cales foron para ti os 5 discos do ano na música do país.

Vituco – Estas falando cun tipo que odia a morte as listas de o mellor, o peor, o máis interesante …
Todos e cada un dos discos que se editaron no país neste 2012 teñen detrás un feixe de traballo e de ilusións. Despois xa se sabe que para gostos cores. Meus parabéns para tod@s @s músicos galegos que neste 2012 nos encheron de argumentos e razóns ós que tanto disfrutamos da música do país.

E se me permitides tamén quero enviarvos unha aperta moi forte e a miña admiración e parabéns @s responsables do gzmúsica pola tremenda laboura que estades a facer e por ser ó longo deste pasado 2012 unha das grandes referencias para enterarnos do que se coce na nosa música.

Apertasas rapases !

Saúde para tod@s !  

 

{fcomment}


Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.