Festa, festa e máis festa. É a premisa que seguirá a banda coruñesa Chotokoeu durante a presentación do seu primeiro disco, unha xira que os levará por toda Galiza ao longo de dúas semanas e que levará o nome de 15 días, 15 bares. E polo medio unha Noite de Luz en Compostela. Falamos con eles de todo isto hai uns días, mentres andaban de pegada polo sur de Galiza, promocionando o último estalo de Chotokoeu neste 2013.


15 días, 15 bares levará a Chotokoeu e á Patxaranga (formato acústico do grupo) por colexios, salas, bares e festivais de Galicia desde este sábado 2 de novembro (magosto de Balboa, no Bierzo) ata o día 16, cando darán o seu derradeiro concerto do ano no país, na sala Mardigrás na Coruña.

Entre outros lugares, as bandas visitarán Pontevedra (salas Karma e Lusco), Santiago (Borriquita de Belem e sala Nasa, A Coruña (Casa Tomada, colexio Mosteirón), Sarria (festival San Martiño Caníbal) e un longo etcétera. Non viaxarán sós, xa que en moitos concertos compartirán escenario con grupos amigos.
Por exemplo nas Noites de Luz que terán lugar o 14 de novembro na antiga sala Nasa, agora coñecida como a nave de San Lourenzo cos bandas españolas Swingdigentes e Alpargata. Serán presentadas todas polo grande Isla Letriska e achegarán luz, risas e bailes ao longo de cinco horas (21.00h – 02.00h), tras as que se celebrará unha festa post-concerto. O festival está organizado pola propia Asociación Cultural Vibra, -brazo político-festivaleiro dos Chotokoeu- seguindo o camiño da Caravana de Emerxencias, coa formula de pago “á gorra”, tratando de concienciar a xente do gran traballo que fan os artistas de todas as disciplinas para saír adiante, dándolle a oportunidade ao público de valorar economicamente, ao seu gusto, o espectáculo.

O derradeiro estalo de 2013

Tras o éxito da Caravana de Emerxencias (con Skarallaos, Swingdigentes e The Skarnivals), a presentación do seu primeiro disco (case 1000 unidades vendidas), dúas xiras polo norte de europa (Bélxica, Holanda e Alemaña) e a organización da 3ª edición do festival Vibra Balboa, Chotokoeu despídese dos escenarios ata o ano que ven cun auténtico maratón de concertos, demostrando así o gran momento anímico que atraviesa a banda e deixando claro que con esforzo e alegría pódense lograr os obxectivos que se busquen.

Aproveitando que andaron polo sur do país de pegada para promocionar a nova xira, falamos con eles sobre o momento en que se atopa a banda. Eis o que nos contaron:


GZmúsica - Caravana de Emerxencias, festivais no verán, organizar o Vibra Balboa, agora isto...Chotokoeu non ten paraxe?

Chotokoeu - A verdade é que pouco a pouco imos debuxando o noso camiño e descubrimos que máis aló de ser un grupo de música, somos un colectivo moi inquieto ao que lle gusta organizar cousas. Isto é o comezo de moitas actividades que de agora en adiante levaremos a cabo. Consideramos importante o labor social da música e este é un dos motivos que nos levou a organizar festas como a Caravana de emerxencias (organizada con The Skarnivals , Swingdigentes e Skarallaos). No caso de Noites de luz decidimos aventurarnos a organizala nos para ver como o equipo humano que formamos pode abarcar este tipo de eventos.

Coa xira 15 días, 15 bares, daremos os últimos concertos do ano en Galicia e queriamos rematar así, demostrando as ganas de facer que temos, o gran momento polo que pasamos animicamente, e animando á xente a darlle á cabeza, ademais de intentando ser orixinais nas cousas que facemos.

Por outro lado, e para ser sinceros, sabemos o difícil da situación musical do país, e é unha axuda buscar ingresos extra dentro da nosa actividade, non nos queremos facer ricos, pero estamos apostando ao 100%  pola música e vemos complicado polo de agora vivir somentes de dar concertos en verán.

Cumprir estas dúas premisas e agora mismo unha máxima da banda, facer cousas para estimular o movemento da xente, e poder vivir facéndoas do mellor xeito posible.

GZm - Ademais, sabemos que vos encargades tamén da promo, pegada de carteis, etc. Autoxestión absoluta, non queda outra para os grupos novos hoxe en día?

Ch! - Agora mesmo os grupos de música vémonos na obriga de cubrir moitos campos da música a maiores do grande esforzo que supón ensaiar e sacar un concerto ou un disco adiante. Isto é algo que ten a súa parte positiva, xa que aprendes moitas cousas a expensas do musical, e formaste como persoa á vez que como músico.

Ao noso entender a autoxestión é unha forma de vivir. Isto non quita que precisemos axuda en moitas ocasións e acudamos a ela, pero hoxe en día, e nos 6 anos que a banda leva en activo, todo o que conseguimos foi polos noso esforzo e iso é algo que dá moita forza e faite crer que é posible facer as cousas por un mesmo.

Temos a sorte de que en Chotokoeu a implicación é total,e iso facilita todo moito, xa que no tema do deseño, organizar as xiras, as pegadas de carteis, etc... facemos traballo en equipo e iso lévate a resultados moi positivos.

GZm - Como xa dixemos, andades enleados en moitas historias, entre elas organizar un festival. Achega outra perspectiva o feito de coñecer os 2 lados dun festival?

Ch! - Decir que non sería mentir. O primeiro que aprendimos xa na primeira edición en Balboa foi a intentar tratar os músicos como a nos nos gustaría que nos tratasen.

Tamén descubrimos os grandes esforzos que fan os festivais galegos por sair adiante. O noso festival é de pago, o que significa unha grande axuda para autoxestionar o proxecto, mais moitos non o son, -como o Rebumbio por exemplo-, que traballa moi duro para ofrecer unha boa festa por 0 euros.

Ás veces criticamos os festivais por algún erro de organización en lugar de ver todo o positivo que fan. É bo criticar para mellorar, pero tamén é moi importante valorar o positivo dos que traballan pola festa.

Algo moi positivo que aprendimos nestas dúas edicións foi a gran solidariedade dos grupos galegos por ir a festivais que non teñen un presuposto grande como pode ser o festival Reperkusión ou o Derrame Rock. Os músicos, valorando as iniciativas de xente coma nós, non somentes veñen a tocar senón que descobres as ganas de colaborar coa que veñen ao festival, este ano mirei a xente recoller o lixo, axudar a outras bandas a cargar material, deron consellos para seguintes edicións...


GZm - Coas Noites de Luz, repetides o formato da Caravana de Emerxencias. Que tal vos foi daquela? Haberá continuidade noutros puntos do país?

Ch! - A Caravana de emerxencias, baixo o noso punto de vista foi un éxito total. Foi un traballo moi duro pero que se viu recompensado enchendo a sala Capitol. Xa houbo algunha charla entre algún de nós e estamos estudando como facer a versión 2.0 da caravana e onde. Hai boas ideas e hai que poñelas enriba da mesa para levalas a cabo. Non sabemos se repetiremos a Caravana de emerxencias, pero dentro de nós está viva e por ganas non vai ser.



{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.