M_ é un Magazine Cultural Galego. Tamén é a segunda versión do blogue persoal de Montse Dopico, unha xornalista da Pontenova que "sobrevive" como freelance mentres non escampe. Comezou a nova andaina co ano e nel podemos atopar xa un feixe de entrevistas, artigos de opinión ou críticas, centradas nas distintas expresións culturais deste país. Aquí vos deixamos a entrevista que lle fixo a semana pasada a Caxade, onde falan do seu disco de estrea, que tamén podes escoitar no interior do artigo.


Nalgún momento, haberá que acordar da anestesia. Deixar de comer o manxar das moscas. E enfrontarse coa xente pota. Mais o enfado sen rebelión é só estreñimento, di Caxade. Farémoslle caso? Ou ficaremos de balneario?

O substrato de máis de cen anos de historia de bandas de música. O lado máis verbeneiro do acordeón. Letras políticas. E ningún medo a mover os marcos chantados polo romanticismo. Son só parte dos elementos nos que se sustenta ‘Dança dos moscas’, o disco de Caxade. Do resto, moi variados, poderíase salientar a orixe: un vídeo en internet. E o entusiasmo dun público que procura proxectos novos. Sen prexuízos.


M_: Segundo lin na túa web, comezaches cun vídeo que non sabías que ía dar. Daquela nin había banda.

Caxade: Tiña unha idea clara do que me gustaría facer, pero non sabía onde ía desembocar. Publiquei un vídeo, ‘Dança dos moscas’, coa expectativa de facer outros, pero sendo consciente de que tamén existía a posibilidade de que quedase nun só video. Era lanzar unha idea e ver como respiraba a xente, ver se espertaría interese no público.

M_: E tiveches sorte e acabou sendo un disco.

Caxade: Si, pero tampouco foi unha casualidade. Co que non contaba era con que respondese un público tan diverso. Contaba co público do folk ou do pop, pero non co do rock, a música clásica… Foi moi sorprendente. Eu xa tiña seis pezas escritas e gravadas nun estudio pequeno que teño na casa, mais tamén tiña xa a expectativa de poder tocalas cunha banda. Quero dicir que houbo todo un traballo detrás.

M_: ‘Dança dos moscas’ é un traballo moi persoal, pero tamén recolle a pegada de proxectos anteriores dos que es parte como a Orquestra Os Modernos ou Pel de Noz.

Caxade:  A primeira clave era, si, que fose algo moi persoal. Tiña claro que tiña que apostar por crear letras, porque quería dicir unha serie de cousas, cun toque retranqueiro e con certo toque punky, aínda que cando me insisten moito no de punky non me gusta. Porque o ‘punkysmo’, como o romanticismo, está un pouco pasado. Porque é reacción sen revolución. É só enfado, estreñimento, sen máis. Xa en Pel de Noz ou en Os Modernos tiñamos claro que había unha serie de
estereotipos cos que non iamos tratar. Ese tópico do autóctono, o enxebre, o xenuíno, cheo de romanticismo. Porque, a estas alturas, é incrible que teñamos que seguir preguntándonos pola nosa identidade. Xa sabemos cal é a nosa identidade, xa temos a música recollida, entón, a partir dela, teremos que buscar novos horizontes. Xa non é tempo de proxectos baseados nunha concepción museística. Así pensabamos en Pel de Noz: a identidade xa a temos: agora tiremos para adiante.

E Os Modernos é o mesmo: vamos recuperar o maldito polo romanticismo. O romanticisimo díxonos o que era puro ou non, o que era tradicional ou non. Porque, que pasa se tocamos cunha gaita e con algún dos instrumentos que o romanticismo desbotou, como o saxo tenor, e facemos un twist ou un chotis? Pois esas mesmas ideas sustentan ‘Dança dos moscas’. Coller, por un lado, o substrato das bandas de música, coa tímbrica e sonoridades que veñen do pasado e que forman parte do presente, xuntalo coa parte máis verbeneira do acordeón… Hai moitas bandas de música que levan máis de cen anos tocando, e non hai elite intelectual que as reivindique. O boom das bandas foi no XIX, en pleno romanticismo, pero o nacionalismo esqueceuse delas… As bandas están moi vivas, pero non se lles dá importancia, e despois andan inventándose cousas…


M_: Case todas as letras convidan a unha lectura política: as falsidades da democracia, a cegueira das elites que semellan levar unha pota na cabeza, o ruído que nos impide pensar, a explotación laboral, a necesidade de ser críticos…

Caxade:  Todo o proxecto está fiado a partir dunha idea central da que despois saen outras. ‘Gente Pota’, ‘Sr. Xorda’ e ‘Dança dos Moscas’ falan do principal, cada unha cunha poética diferente. Tamén ‘Afiador da realidade’, que é como unha chamada a ser conscientes do que está a pasar, a permanecer nun estado constante de alerta. Porque estamos instalados nunha especie de terma que nos mantén anestesiados. A partir desta idea primeira, ‘Dança dos moscas’ fala da elite do poder, que é a protagonista de ‘Gente pota’ tamén. Non quero denostar a política, porque me parece imprescindible. Os políticos non son a única elite, como a das eléctricas ou a dos bancos. E esta elite quere darnos un menú de merda para comer, que é o prato favorito das moscas. E nós, tan tranquilos no balneario, comemos a merda sen decatarnos do que é. Despois está o ‘Sr. Xorda’ que axuda a que sigamos anestesiados, que vai captando sons para quedar con eles e neutralizalos. De pouco serve que haxa movementos de xente que protesta se non hai receptores da mesma. Porque non chega con lavar a conciencia indo á manifestación, tomar os viños e acabouse. Manifestarse é o medio e non a fin.


M_: Despois están ‘Lei D’Hont’ ou ‘Folión da rebelión’, moi relacionadas co que acabas de explicar.

Caxade:  Eu xa sei que a culpa non é da Lei D’Hont, que é a circunscrición electoral, pero se cadra como título ficaría peor… A cuestión aquí é unha chamada de atención sobre que a democracia non é só votar cada catro anos. Temos que participar máis alá diso. Con ‘Demos graças’ pasounos algo simpático. Poucas semanas despois de gravar esta peza, alguén da patronal dixo que había que dar grazas polos nosos privilexios. O que eu digo neste tema é que non temos privilexios, senón dereitos polos que non temos nada que agradecerlles. E aquí volvemos ao de antes: non chega co enfado, porque se non hai máis que estreñimento, non hai rebelión. E diso fala ‘Folión da rebelión’: ten que haber algo que desemboque en rebelión…. Estoume decatando de que o que digo pode soar apostólico, pero non se trata diso. É como unha ambición persoal, unha necesidade que percibo e un convite moi modesto.

M_: Faltan ‘Amélia’, ‘Nomeando perdidos’ e a surrealista ‘Capadores de extraterrestres’.

Caxade: Os perdidos son os antepasados, a memoria histórica, os pasados que parece que perdemos: o histórico, lingüístico… Nomear os perdidos é ter en conta a xente que fixo achegas que non debemos esquecer. A verdade é que a dereita foi a que quedou cos apóstolos do galeguismo. A dereita apropiouse de Rosalía ou de Castelao. E foi un fallo do nacionalismo perder o galeguismo. Eses perdidos foron nomeados pola dereita, que reivindica a Rosalía como súa e non conta que dixo “probe Galicia non debes chamarte nunca española’. O nacionalismo perdeu a Rosalía de Castro e a Castelao.

M_: Non sei se, por exemplo, os partidos nacionalistas estarían de acordo con iso. Eles tamén nomean a Rosalía. Só que hai unha pelexa por quen a nomea mellor.

Caxade:  Castelao dicía que a nosa lingua non só non se perdeu, senón que florece en Portugal. E a min paréceme unha mágoa que o nacionalismo non se preocupase por recuperar unha ortografía diferente, como a que xa se estaba propoñendo entón. Eu non é que non estea de acordo coa outra opción normativa, pero paréceme que a reintegracionista é máis valente, -e non falo nun sentido bélico nin “varonil”-, e máis continuísta coa que foi a nosa historia. E no nacionalismo aínda ten moito peso unha imaxe de Rosalía romántica e mesmo esotérica. Aínda que iso tampouco é tema do disco… ‘Capadores’, que é o último vídeo que sacamos, é certo que é un pouco surrealista. A idea é o rexeitamento do apartheid, que pode ser cultural, lingüístico, por motivos de xénero, de condición… Con humor, como no resto do disco, falo de colonizadores que veñen capar, que capan e que tratan aos capados como se fosen extraterrestres na súa propia terra. E os capados mesmo defenden aos capadores. É incrible como un asasino en serie como Colón é considerado un heroe. E xa por último, Amélia é a nosa filla. É un tema para ela. Ademais, é a única letra popular do disco, sacada do cancioneiro.

M_: Dicías, nunha entrevista con Marcos Pérez Pena en Praza Pública, que che interesaba o folk máis político, na súa acepción máis antiga e popular, próxima se cadra ao que entendemos por música de cantautor.

Caxade:  Si, porque o folk en Galicia foi, en boa medida, derivando cara á musica celta. Aínda que soe tópico, o folk naceu do pobo e para o pobo, para cantarlle ao pobo sobre os temas que lle preocupan. Non sei que sentido pode ter a asimilación do folk pola cultura celta, por ese substrato irlandés… Quero dicir, que está ben cantarlle ao amor, pero hai que cantar sobre o que lle preocupa ao pobo, ás persoas como cidadás. Eu considérome folk e indie, pero nin encaixo co arquetipo folk nin con indie.


M_: Os vídeos foron parte fundamental do proxecto. Como o son o resto de membros da banda. Cóntanos quen son.

Caxade: Cos vídeos axudoume, desde o principio, Javi Antelo Seoane, e moita outra xente á que lle estou moi agradecido. Mellor non digo nomes por se esquezo algún agora mesmo. Na banda está Xosé Tuñas na batería, Manu Paino na trompeta e Manu Espiño no bombardino. Tamén estivo Maria da Pontagha, pero deixou o proxecto antes de gravar o disco. Os dous Manu veñen das bandas de música. Paino ten formación de conservatorio e unha intelixencia musical abraiante, polo que se adaptou moi ben ao noso proxecto. Espiño é trombonista de formación, e Tuñas tocou comigo desde que tiñamos uns seis anos. Estivemos xuntos en Roi Xordo, Os Modernos, Os Resesos… toda a vida.

M_: E tedes xa un calendario de presentacións do disco?

Caxade: Comezaremos o 25 de xaneiro en Bandeira. Despois tocaremos en Compostela, Lugo, Vigo, Ourense, Bueu, Negreira, A Baña… Iremos poñendo a información na web.


Fonte: Entrevista realizada por Montse Dopico, publicada no seu blogue o 9 de xaneiro de 2014.

Fotos: Facebook de Caxade

Aquí tedes 'Dança dos Moscas', o traballo de estrea de Caxade

{fcomments}

Utilizamos cookies

Utilizamos cookies no noso sitio web. Algunhas delas son esenciais para o funcionamento do sitio, mentres que outras axúdannos a mellorar este sitio e a experiencia do usuario (cookies de seguimento). Podes decidir por ti mesm@ se queres permitires o uso de cookies ou non. Ten en conta que, se as rexeitares, é posíbel que non poidas utilizar todas as funcións do sitio.